A Xunta somete a consulta pública o novo Plan galego de prevención de condutas adictivas 2026-2030 para recibir achegas ata o 31 de outubro
A cidadanía, as entidades e os profesionais poderán presentar as súas suxestións a través do Portal de Transparencia da Xunta de Galicia
O documento sitúa como prioritaria a prevención fronte ao inicio temperán no consumo de alcohol, tabaco e cannabis, e a redución dos consumos de risco entre a poboación máis nova
O obxectivo é dar maior continuidade e estabilidade aos programas de prevención, reforzando o traballo en rede e mellorando a coordinación
Amplía o concepto de conduta adictiva para incluír o xogo presencial e en liña e o uso compulsivo de internet
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
A Xunta abre hoxe o prazo para consulta pública do novo Plan galego de prevención de condutas adictivas 2026-2030, ao cal poden presentarse achegas a través do Portal de Transparencia da Xunta ata o vindeiro 31 de outubro.
Mediante este procedemento, a cidadanía, as entidades e os profesionais interesados poderán trasladar as súas valoracións e propostas ao documento antes da súa aprobación definitiva.
Entre os principais retos que identifica o documento figuran previr o inicio temperán no consumo de alcohol, tabaco e cannabis, diminuír os consumos de risco entre a poboación máis nova e reducir a frecuencia dos episodios de embriaguez e do consumo de alcohol por enchente.
O plan busca tamén dar maior continuidade e estabilidade aos programas preventivos e reforzar o traballo en rede, mellorando a coordinación entre os axentes dos ámbitos sanitario, educativo, social, laboral e comunitario.
As actuacións previstas inclúen campañas de información e sensibilización, formación continua para os profesionais e axentes implicados e a actualización de materiais e ferramentas preventivas. Ademais, reforzaranse os sistemas de información, seguimento e avaliación, co fin de dispoñer de indicadores que permitan orientar as intervencións e medir os seus resultados.
Unha das novidades do documento é a actualización das prioridades para responder aos novos patróns de consumo. Así, amplíase o concepto de ‘conduta adictiva’ para incluír, ademais do consumo de substancias, comportamentos como o xogo presencial e en liña ou o uso compulsivo de internet.
O plan aposta igualmente pola formación, a investigación e a difusión de boas prácticas para mellorar a eficacia das actuacións e adaptalas ás necesidades da cidadanía. Neste marco, a autoridade sanitaria reforzará o seu liderado técnico e institucional na planificación, ordenación e avaliación das políticas de prevención, así como na coordinación dos distintos axentes implicados.
A documentación do Plan galego de prevención de condutas adictivas 2026-2030 e a información para presentar achegas poden consultarse aquí.