A Xunta desenvolve estes días o programa piloto de vacinación fronte á gripe en 12 centros educativos lucenses

O delegado territorial, Alfonso Villares, explicou na Escola de Educación Infantil de Vilalba que o obxectivo é chegar a 3.151 escolares na provincia, incrementando nun 37,5% os destinatarios do pasado ano

Vilalba (Lugo), 14 de outubro de 2026

A Consellería de Sanidade desenvolve estes días por segundo ano consecutivo o programa piloto de vacinación fronte á gripe nos centros escolares; está dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria e adminístrase a vacina intranasal, sen picada.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou a Escola de Educación Infantil de Vilalba, que acolleu hoxe a campaña. Explicou que o número de centros escolares seleccionados na provincia pasa de nove a 12, co propósito de chegar a 3.151 escolares, dos que pouco máis de 1000 corresponden á etapa de Infantil e o resto a  Primaria; tradúcese nun incremento do 37,5% do número de destinatarios con respecto á primeira edición, cando se alcanzou unha taxa de cobertura do 47,7%.

O proxecto lévase a cabo nunha mostra representativa de colexios de contornos urbanos, semiurbanos e rurais. En concreto na cidade de Lugo participarán o CEIP Luis Pimentel e o CPR  Plurilingüe San José. Tamén se realizará no CEIP Purilingüe Vista Alegre de Burela, o CEIP Xoán de Requeixo de Chantada, o CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito, o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez de Friol, o CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz, o CPR Plurilingüe Real Colegio Padres Escolapios de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe de Monterroso, o CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción de Sarria e o CPR Plurilingüe Landro de Viveiro.

No conxunto da comunidade toman parte 75 colexios, co obxectivo de chegar a 26.536 rapaces e rapazas. En paralelo con este proxecto piloto escolar, onte tamén se iniciou nos centros de saúde a vacinación para toda a poboación infantil, desde os 6 meses aos 11 anos; o obxectivo é acadar unha cobertura do 60% neste segmento de idade.

A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid empezou o 28 de setembro polas residencias de maiores e centros sociosanitarios e o próximo luns 19 de outubro estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios.

Posteriormente, o 2 de novembro, a Xunta continuará coa vacinación das embarazadas e o día 9 de novembro coas persoas a partir de 60 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026