A Xunta aposta pola incorporación de medios de emerxencias para mellorar a súa coordinación e capacidade de resposta

Os equipamentos incorporados permiten coordinar as intervencións sobre o terreo, obter información en tempo real e realizar buscas en contornas de difícil acceso

A modernización do 112 Galicia e a renovación das comunicacións teñen como fin garantir a continuidade do servizo mesmo cando fallan as redes convencionais

A Xunta colabora cos concellos facilitando formación, equipamentos e recursos aos servizos municipais de emerxencia e as agrupacións de voluntarios de Protección Civil

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu hoxe na Comisión 1ª de Administración Xeral, Xustiza e Interior para informar das actuacións relacionadas coa capacidade operativa da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a modernización do 112 Galicia ou a colaboración cos servizos municipais a través de distintos medios e ferramentas tecnolóxicas.

Villanueva explicou que estes recursos buscan mellorar a coordinación dos equipos, facilitar a toma de decisións durante as intervencións e garantir que os servizos poidan actuar mesmo cando as condicións dificultan o acceso ao lugar da emerxencia ou as comunicacións.

Na súa intervención, sinalou que a Axega conta cun novo Posto de Mando Avanzado (PMA) que permite desprazar a coordinación técnica ata o lugar da emerxencia. O vehículo dispón de tracción integral e de sistemas informáticos, audiovisuais e de comunicación por distintas vías, incluída a conexión por satélite. Estas capacidades permiten manter o contacto entre os equipos e os responsables da coordinación mesmo cando as infraestruturas habituais están afectadas.

A obtención e análise de información durante as intervencións tamén se leva a cabo desde unha plataforma que centraliza imaxes en tempo real procedentes de distintas fontes, incluídos os drons. A Axega aplica ademais intelixencia artificial nas buscas de persoas desaparecidas para identificar características concretas nas imaxes e orientar as procuras, co obxectivo de axudar a localizar canto antes as persoas que precisan asistencia.

A estes recursos súmanse medios para inspeccionar contornas de difícil acceso e intervir en escenarios perigosos, como un dron subacuático e un robot teledirixido para incendios. A súa utilización facilita a obtención de información e a realización de determinadas tarefas a distancia, reducindo a exposición dos profesionais aos riscos. A ampliación da base operativa da Axega permitirá así mesmo mellorar o almacenamento, a conservación e a mobilización destes equipamentos.

Na súa comparecencia, Villanueva tamén deu conta de actuacións que contribúen á modernización do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, 112 Galicia, relacionadas sobre todo coa actualización dos sistemas informáticos e de sistemas de ciberseguridade. Entre as actuacións figuran a mellora do sistema de xestión operativa, dos servidores e da rede, así como a renovación dos equipos informáticos da sala de operacións. As medidas teñen como obxectivo reforzar a fiabilidade e a seguridade dunha infraestrutura esencial para recibir os avisos da cidadanía e coordinar a resposta dos distintos servizos.

A renovación dos terminais da Rede de Comunicacións de Emerxencias e Seguridade de Galicia (RESGAL) e os sistemas de conexión por satélite e doutras vías alternativas permiten manter mellor as comunicacións entre os equipos cando se produzan cortes eléctricos ou interrupcións das redes convencionais. O director xeral enmarcou estas medidas na necesidade de garantir a coordinación tamén nas situacións nas que fallan os sistemas habituais.

A Axega traballa ademais na incorporación de novas solucións tecnolóxicas para a coordinación e a atención das emerxencias, entre elas ferramentas de videovixilancia e sistemas de comunicación vinculados aos vehículos. Neste ámbito inclúense a avaliación de aplicacións de intelixencia artificial e a implantación do sistema europeo eCall NG, destinado á recepción automática de chamadas de emerxencia desde vehículos conectados.

Colaboración coas agrupacións locais

Villanueva incidiu na importancia da coordinación entre os medios autonómicos e os recursos municipais, para que os distintos servizos poidan mobilizar os medios necesarios en función das características de cada emerxencia. Nesta liña, a Xunta colabora coas administracións locais na dotación de material e equipamentos, no funcionamento das agrupacións de voluntarios de protección civil e na formación dos profesionais.

O Goberno galego participa igualmente na cobertura dos gastos de funcionamento dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) e dos parques dos consorcios contra incendios e salvamento. Estas medidas contribúen a que os servizos locais dispoñan de persoal preparado e dos recursos necesarios para desenvolver o seu traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026