A Xunta apoia a particulares e comunidades de veciños na transición cara fogares máis eficientes dende o punto de vista enerxético

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a un beneficiario da axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica no ámbito residencial

Ferrol, 14 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá a Serantes, no municipio de Ferrol, para supervisar o resultado dunha instalación de paneis solares nunha vivenda particular, beneficiaria das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, no ámbito non urbano, que convoca a Consellería de Economía e Industria a través do Inega.

Concretamente, o proxecto percibiu unha achega de 6.000 euros para a instalación de nove paneis solares de 5,45 kwp cun inversor e unha batería de 5 Kwh.

Martina Aneiros lembrou que a través desta liña de axudas que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, a Xunta busca incentivar o uso de enerxías renovables nos fogares galegos con fins de aforro enerxético.

A orde de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial está destinada a particulares e a comunidades de veciños e enmárcase dentro da Axenda Enerxética de Galicia 2030, que marca os obxectivos intermedios a finais desta década para acadar a neutralidade climática en 2050. A última convocatoria contou cun orzamento de dous millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026