A Xunta colabora cos colectivos veciñais para impulsar o seu labor dinamizador no eido local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, informou no Parlamento das diferentes liñas de apoio enmarcadas no Plan específico de acción comunitaria

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, informou hoxe no Parlamento de Galicia do apoio da Xunta aos colectivos veciñais a través do Plan específico de acción comunitaria, convocado anualmente. A través desta iniciativa posta en marcha en 2016, asociacións veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas poden acollerse cada exercicio a axudas para realizar melloras nas súas infraestruturas e equipamento.

Natalia Prieto incidiu no compromiso da Xunta co movemento asociativo local como colaborador imprescindible dos concellos e motor fundamental da participación cidadá e da vida social das parroquias, aldeas e barrios. Neste marco de acción, o obxectivo do Plan específico de acción comunitaria é facilitar que estes colectivos dispoñan de dotacións que lles permitan a mellor prestación dos servizos de interese veciñal, dando resposta ás necesidades da veciñanza.

A directora xeral referiuse tamén á diversidade de actuacións que poden executarse ao abeiro desta liña de apoio. Así, impúlsase a rehabilitación de locais sociais como espazos de encontro, convivencia e participación, a adquisición de equipamento para desenvolver as correspondentes actividades. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de augas poden mellorar as traídas veciñais con actuacións nas captacións, canalizacións e depósitos, entre outras.

A Xunta aposta ademais polo diálogo permanente con estas entidades para garantir a adaptación das medidas á evolución das necesidades e facilitar o acceso ás axudas. Como exemplo, Natalia Prieto sinalou a novidade na convocatoria deste ano de darlles prioridade ás comunidades de usuarios de augas que precisaban reparar as infraestruturas básicas das súas traídas afectadas polos incendios forestais do verán de 2025 nos que se declarou a situación operativa 2.

O apoio do Goberno galego ao tecido asociativo local materialízase tamén na colaboración anual coa Confederación Galega de Asociacións de Veciños «Rosalía de Castro» (COGAVE), pola súa implantación territorial e pola súa representatividade no ámbito autonómico, ao agrupar federacións de asociacións veciñais das catro provincias galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026