A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP organizou un obradoiro interrexional en Bruxelas onde reuniu a representantes da Comisión Europea, organismos rexionais e empresas
A Xunta promove o debate sobre o futuro da dixitalización en Europa
O Goberno galego expón a súa política de apoio á I+D+i e a súa aposta polas tecnoloxías profundas como a IA ou a cuántica
Esta xornada enmárcase no proxecto Interreg Europe BestDIH que ten como obxectivo coordinar as políticas de innovación rexionais coas de ámbito nacional e europea en materia de transformación dixital
Bruxelas, 14 de outubro de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, abriu esta mañá a xornada Interregional workshop: The European digitization in the coming decade (Obradoiro interrexional: A dixitalización en Europa na próxima década) na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. Este seminario, que contou con representantes da Comisión Europea, de organismos rexionais e de empresas, serviu de espazo de debate sobre o futuro da dixitalización en Europa e os seus retos e oportunidades.
A directora da Axencia explicou a aposta de Galicia por tecnoloxías estratéxicas como a Intelixencia Artificial, a cuántica ou a biotecnoloxía, no marco do Plan galego de I+D+i e aliñado coas prioridades europeas. Neste eido, destacou a factoría europea de IA 1HealthAI, o Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia e a Estratexia de Biotecnoloxía 2026-2030.
Esta xornada enmárcase no proxecto de cooperación interrexional Interreg Europe BestDIH, que ten como obxectivo mellorar as políticas de innovación rexionais no campo da transformación dixital a través da cooperación interrexional. Dotado cun orzamento de 1,45 millóns de euros e liderado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, conta con outros seis socios: Pannon Business Network Association (Hungría); Province of Overijssel (Países Baixos) ; Council of Tampere Region (Finlandia) ; ART-ER Joint Stock Consortium Company (Italia) ; West Romania Regional Development Agency (Romanía) e Enterprise Development Agency Eda (EDA) (Bosnia e Hercegovina).
O evento incluiu unha mesa redonda na que empresas líderes do sector tecnolóxico, como IQM ou Fsas Technologies, ofreceron a súa visión sobre as principais tendencias e claves en materia de intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas, dous ámbitos definidos como prioritarios no Plan galego de I+D+i 2025-2027. Ademais, participaron axentes do ecosistema galego de I+D+i como o Hub de innovación dixital DIHGIGAL.