O presidente autonómico participou na entrega de premios Empresa do Ano Banco Sabadell, organizados por Prensa Ibérica
Rueda pon en valor o papel da Xunta á hora de facilitar e promover a actividade empresarial e industrial
Agradece a todos os premiados a súa contribución a unha Galicia do futuro máis verde, máis competitiva e máis innovadora
A Coruña, 14 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o deber das administracións debe ser acompañar, facilitar e promover a actividade empresarial e industrial, un principio que o Goberno galego aplica nas súas políticas económicas e laborais.
Así o sinalou esta tarde durante a súa participación na entrega dos premios Empresa do Ano Banco Sabadell, organizados por Prensa ibérica. No acto, no que se outorgaron un total de 9 galardóns en distintas categorías, estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Na súa intervención, Rueda incidiu en que o éxito empresarial é un progreso colectivo, xa que detrás de cada empresa que funciona hai emprego, oportunidades para os provedores, actividade nos concellos e, en definitiva, futuro para as familias.
Defendeu tamén a colaboración entre as administracións e o tecido empresarial a través do diálogo, co obxectivo de chegar a acordos útiles para Galicia. Neste sentido, citou o plan integral para mellorar a saúde dos traballadores, un acordo acadado precisamente no seo do Diálogo Social e que servirá para mellorar o mercado laboral.
Para rematar, agradeceu a todas as empresas premiadas a súa contribución a unha Galicia do futuro máis verde, máis competitiva e máis innovadora.