A Xunta pon en marcha a décimo quinta edición de Tecnólog@ por un día para achegar as profesións dixitais ao alumnado galego

A rapazada de entre 12 e 17 anos poderá presentar a súa solicitude, a través do profesorado dos seus centros educativos, ata o 3 de novembro

Entre novembro e decembro, a Amtega e as empresas que colaboran co programa acollerán durante unha xornada inmersiva ao alumnado participante

A iniciativa, integrada no Plan DigiTalent 2030, busca espertar vocacións STEAM e achegar os novos perfís profesionais do ámbito dixital á mocidade

Santiago de Compostela, 15 de outubro do 2026

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que alcanza este ano a súa décimo quinta edición. A iniciativa permitirá que estudantes de secundaria e bacharelato coñezan desde dentro o día a día dunha organización tecnolóxica, acompañando durante unha xornada a profesionais da Amtega ou dalgunha das empresas TIC de Galicia participantes.

A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos e combina unha aproximación práctica ao ámbito tecnolóxico co contacto directo con persoas que desenvolven a súa carreira profesional neste sector. A través das visitas, o alumnado poderá descubrir como funcionan os centros de traballo, coñecer proxectos reais e achegarse ás ferramentas, capacidades e coñecementos vinculados ás novas profesións dixitais.

Deste xeito, Tecnólog@ por un día busca contribuír ao fomento das vocacións STEAM e ampliar o coñecemento da mocidade sobre as oportunidades profesionais relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, facilitándolle ademais un espazo no que resolver dúbidas e coñecer de primeira man diferentes perfís dixitais.

A iniciativa intégrase no catálogo de actuacións do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, orientado ao impulso da inclusión, a capacitación e o talento dixital en Galicia. En concreto, enmárcase no seu terceiro eixe estratéxico, que reúne iniciativas destinadas a promover as vocacións desde idades temperás e favorecer o desenvolvemento de talento dixital avanzado en Galicia.

Nesta edición, ofértanse 63 prazas para participar en visitas ao Centro GaiásTech ou ás instalacións das empresas tecnolóxicas colaboradoras: Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA e Quobis.

Peza fundamental para a participación do alumnado

A participación realizarase a través dos centros educativos. O persoal docente será o encargado de tramitar a inscrición dos alumnos e alumnas interesados en participar no programa, cun prazo aberto ata o 3 de novembro.

O formulario de inscrición estará dispoñible no espazo dedicado a Tecnólog@ por un día na web DigiTalent, xunto coa documentación necesaria. Para formalizar a solicitude deberá achegarse tamén a autorización de participación asinada polos pais, nais ou titores/as responsables do alumnado.

A mesma páxina reúne a información de referencia da iniciativa para docentes, estudantes e profesionais das entidades colaboradoras, incluídas as instrucións de participación e a relación das prazas dispoñibles, que poderán seleccionarse atendendo ás preferencias, á idade ou á localización do alumnado.

Data de actualización: 15/10/2026