O Servizo Galego de Saúde publica a relación definitiva das listas de selección temporal de catro categorías de persoal estatutario

Resultaron admitidos 25.483 aspirantes, sendo a categoría con maior número de inscritos a de grupo auxiliar da función administrativa, con 12.884 persoas

O 11,92 % correspóndese con novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación definitiva coa orde de prelación e a puntuación obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal das categorías de auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche.

Así, resultaron admitidos un total de 25.483 aspirantes, en concreto: 12.884 en grupo auxiliar da función administrativa, 7.904 en persoal de servizos xerais, 4.078 en pinche e 617 en cociñeiro. 

O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 1.606 en grupo auxiliar da función administrativa, 1.060 en persoal de servizos xerais, 385 en pinche e 82 en cociñeiro.  

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. Entrarán en vigor a efectos de chamamentos o día 16 de outubro de 2026.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas provisionais de inspector médico, inspector farmacéutico, farmacéutico inspector de saúde pública, subinspector sanitario; e outros funcionarios das clases de licenciado sanitario (na que se inclúen licenciados en medicina e cirurxía, en farmacia, en ciencias químicas, en ciencias biolóxicas e en psicoloxía), e de ATS/DUE.

Data de actualización: 15/10/2026