O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na apertura da mostra no Museo Gaiás

A Cidade da Cultura favorece o diálogo entre os procesos da física cuántica e da creación pictórica coa exposición ‘Outro e sobre si’

A iniciativa recolle o traballo do artista Andrés Rodís durante a primeira Residencia ArtLab IGFAE impulsada pola Xunta de Galicia e a USC

A mostra achégase desde a pintura abstracta ao principio de incerteza de Heisenberg ou a superposición na mecánica cuántica, poñendo en cuestión os límites da propia práctica artística

Componse de 25 pezas inspiradas pola estancia de Rodís no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e poderán verse no Museo Gaiás ata o 10 de xaneiro de 2027

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá no Museo Gaiás na apertura da exposición Outro e sobre si, do artista compostelán Andrés Rodís. A mostra é froito da primeira Residencia ArtLab IGFAE, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela para estreitar os vínculos entre a creación contemporánea e a investigación en física de partículas que desenvolve o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o “estimulante diálogo” que Rodís establece entre conceptos como a superposición cuántica ou o principio de incerteza de Heisenberg e a súa práctica artística. Así, do mesmo xeito que estas ideas supuxeron “unha ruptura na nosa maneira de entender a realidade”, revelando un mundo complexo, gobernado pola probabilidade e a interacción, Rodís cuestiona nas súas obras “os límites do acto pictórico e da obra de arte”.

Na apertura da mostra participaron tamén a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido, o director do IGFAE, Carlos Salgado, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o artista responsable do proxecto.

Explorar os límites da obra artística

Outro e sobre si componse de 25 pezas, entre as que se inclúen pinturas, colaxes, impresións dixitais e unha vídeo-proxección que exploran a potencialidade dos obxectos. As relacións entre o que se mostra e o dispositivo de representación, o debate ao redor do par sinal-ruído ou a importancia da medición e a súas condicións no achegamento á realidade son algúns elementos claves no proxecto.

Nesta tentativa de sondar os límites da obra artística, Andrés Rodís creou unha serie de abstraccións que combinan tanto o obxecto en si —o cadro— como outros moitos sucesos e elementos simultáneos á produción de cada peza: pintura que cae, cemento erosionado do chan do taller, partículas de po, insectos... Estes materiais peneirados da contorna do cadro foron empregados como pigmento nas obras, resultando nunha sorte de orografía do chan e rexistro do acto pictórico.

Novos horizontes creativos entre arte e ciencia

A Residencia ArtLab IGFAE permitiu ao artista compostelán mergullarse nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, conversar co seu persoal investigador, afondar nas vertentes teóricas e experimentais, e ata obter gammagrafías e tomografías que incorporou á súa proposta. Esta inspiradora estadía completouse posteriormente na Cidade da Cultura, onde Rodís deu forma ás pezas que compoñen a exposición.

O director xeral de Cultura subliñou a relevancia desta residencia combinada como “unha iniciativa pioneira en abrir o diálogo entre ciencia e arte”. Neste sentido, lembrou que actualmente está aberto o prazo para o envío de proxectos á segunda edición, coa que se espera “ampliar a percepción do público sobre as investigacións realizadas no centro da Universidade de Santiago e expandir os horizontes creativos do sector artístico galego”.

A exposición pode visitarse no andar 1 do Museo Centro Gaiás ata o 10 de xaneiro de 2027, con entrada de balde. Ademais, esta mesma tarde o artista participará ás 19,00 horas nunha conversa aberta co público ao redor do proxecto que terá lugar nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, no Campus Vida da USC.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2026