Lara Meneses salienta o apoio da Xunta para facilitar á mocidade con dificultades o acceso ao traballo ou ampliar a súa formación
A directora xeral de Xuventude visita estes días en Lisboa a participantes do programa ‘Galicia Moza con Alma’ que realizan prácticas formativas neste país
O proxecto posibilita que 25 mozos e mozas galegos en situación de vulnerabilidade realicen unha estadía de tres e catro meses en Portugal, Italia, Francia e Irlanda
A iniciativa forma parte das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que conta con máis de 700 M€
Lisboa (Portugal), 15 de outubro de 2026
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou hoxe o apoio da Xunta para “facilitarlle a mocidade con dificultades o acceso o traballo ou ampliar a súa formación”. Fíxoo durante a visita que está a realizar en Lisboa a participantes do programa Galicia Moza con Alma, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que está a posibilitar que este ano 25 mozos e mozas galegos en situación de vulnerabilidade realicen prácticas formativas non laborais neste país, ademais de en Francia, Irlanda e Italia.
Neste encontro con esta mocidade que está recibindo formación nas empresas Euroyouth e Ateleir Kolovrat, Lara Meneses lembrou que esta preparación práctica, de entre tres e catro meses, é posible grazas aos proxectos que están a desenvolver cinco entidades sen ánimo de lucro galegas co apoio de preto de 600.000€ do programa Galicia moza con Alma.
No caso de Portugal e Irlanda, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude precisou que é Sustinea, entidade sen ánimo de lucro de desenvolvemento sustentable e conservación ambiental, a que está a poñer en marcha estadías formativas nestas dúas empresas de Lisboa, que visitou hoxe, e no laboratorio MARE, ao que se desprazará mañá. De igual xeito, tamén é a responsable de organizar a formación na que participan rapaces e rapazas galegas da cidade irlandesa de Cork.
Con respecto ao resto das entidades sen ánimo de lucro participantes, a directora xeral de Xuventude destacou que tamén están a facilitar a posta en marcha este ano do programa Galicia Moza con Alma, a Fundación Nortempo, a escola de tempo libre Don Bosco e a ONG Mestura, que traballa con colectivos en situación de vulnerabilidade.
Lara Meneses explicou que os proxectos seleccionados van dirixidos “á mocidade con baixo nivel formativo, que leve desempregada longo tempo, estea empadroada nun concello rural ou se atope en situación de risco de exclusión social”. Desta forma, puxo en valor que, ademais de Lisboa, os participantes de Galicia Moza con Alma están a recibir de xeito personalizado acompañamento, preparación, formación e titorización en empresas lusas de Amarante e Braga, nas italianas de Lucca, Florencia, Torre do Lago, Viareggio e Torino; nunha irlandesa de Cork e noutra francesa de Sur Moine.
A responsable de Xuventude da Xunta aclarou que, tras estas estancias, ao seu regreso a Galicia, será cando dea comezo a última fase do programa. Así precisou que, á volta, “a mocidade participante vai contar con apoio continuado para que poidan desenvolver as novas capacidades adquiridas co obxecto de facilitar o seu acceso a un emprego ou seguir estudando e ampliando a súa formación”. Para iso, segundo apuntou, estarán dentro dun plan complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.
60% de inserción laboral
Finalmente, Lara Meneses salientou que na primeira edición-piloto de Galicia Moza con Alma participaron 12 persoas que realizaron estadías formativas na cidade irlandesa de Cork e nas lusas de Amarante e Lisboa, “cunha inserción laboral de preto do 60 % ao rematar o súa participación no proxecto”.
Cómpre lembrar que este programa é unha das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, aprobado en abril deste mesmo ano, e que conta cun orzamento de máis de 700 M€ para marcar a folla de ruta do Goberno galego dos vindeiros tres anos. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida da xente nova, as súas competencias e capacidades, á vez que a súa participación activa no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.