A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na xornada Conversas Conecta Ourense
Lorenzana destaca a capacidade exportadora das empresas galegas, que sitúa a comunidade nos primeiros postos do ránking nacional
Avanza que a Xunta está a piques de anunciar a nova Estratexia de Internacionalización na que está traballando, que “bebe do éxito da anterior”, di
Ourense, 15 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe de manifesto a capacidade exportadora das empresas galegas, que sitúa Galicia nos primeiros postos do ránking nacional con 18.409,7 millóns de euros rexistrados de xaneiro a xullo, un 0,9 por cento de variación interanual.
Lorenzana interveu hoxe na xornada Conversas Conecta Ourense, organizadas pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), onde apuntou que Galicia está entre as comunidades autónomas máis exportadoras, moi preto do País Vasco, coa que habitualmente mantén cifras moi semellantes. “É unha mostra desa Galicia calidade industrial e económica”, afirmou.
“Estamos moi por riba en peso exportador do noso peso poboacional -proseguiu-, e iso ten moitísimo que ver co talento, coa capacidade do tecido produtivo galego, pero tamén con que se fixeron as cousas ben”, recoñeceu, en alusión ás confederacións de empresarios, ás propias empresas e, tamén, ao labor de acompañamento que leva feito a Administración autonómica.
Referiuse, así, ás liñas de apoio que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) leva posto á disposición das empresas galegas para a apertura de novos mercados. E, neste contexto, avanzou que a Xunta está a piques de anunciar a nova Estratexia de Internacionalización na que está traballando que, segundo dixo, “bebe do éxito da anterior”, concluíu.