O presidente da Xunta inaugurou o XIII Congreso da Asociación Española de Vacinoloxía

Rueda reivindica Galicia como referente mundial en vacinación e aposta por seguir investigando para estar á vangarda

Destaca que a comunidade autónoma conta cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo

Pon como exemplo de innovación o ensaio clínico Combogal para probar unha vacina combinada de gripe e covid-19, no que só participan Galicia e Dinamarca

Agradece o compromiso do conxunto do persoal sanitario na posta en marcha e execución das campañas de vacinación

Vigo, 15 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a Galicia como referente mundial en vacinación e avanzou que desde a comunidade autónoma se seguirá apostando pola investigación co obxectivo de seguir á vangarda nesta materia.

Así o sinalou esta tarde durante o acto de inauguración en Vigo do XIII Congreso da Asociación Española de Vacinoloxía, no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Na súa intervención, Rueda defendeu que as vacinas salvan vidas e que, por iso, son unha das máximas prioridades para o sistema sanitario galego. Neste sentido, recordou que Galicia conta cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo -a comunidade foi pioneira, por exemplo, en incorporar a vacina  contra o VRS en neonatos ou en impulsar novas estratexias contra o meningoco-, e que as coberturas infantís en vacinas fundamentais son próximas ou superiores ao 99%.

Coa actual campaña da gripe en marcha, o titular do Executivo autonómico puxo en valor que Galicia segue apostando por melloras futuras a través da investigación. Ao respecto, citou o ensaio clínico Combogal, dirixido a estudar os beneficios dunha vacina combinada fronte á gripe e a Covid-19 para maiores de 65 anos. Neste estudo, liderado polo doutor Federico Martinón e a Consellería de Sanidade, só está implicada Dinamarca, ademais de Galicia. Por último, o presidente agradeceu o esforzo do conxunto do persoal sanitario e o seu compromiso na execución das campañas de vacinación, así como tamén felicitou ao conxunto da sociedade galega pola súa implicación e concienciación neste ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2026