A Xunta reafirma no Barco de Valdeorras a importancia de apoiar a innovación do comercio local
O Barco de Valdeorras (Ourense), 16 de outubro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, estivo hoxe no Barco de Valdeorras, onde asistiu a primeira hora a un almorzo informativo organizado polo Centro Comercial Aberto da localidade, O Barco Aberto. Alí, incidiu na importancia de colaborar con este tipo de entidades e cos negocios que os integran de cara a impulsar a innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, con especial incidencia en comarcas rurais coma a de Valdeorras.
Precisamente a prol da sustentabilidade, Alén visitou logo o posto informativo instalado na praza do Concello do Barco no marco da campaña autonómica Comercio Compensa, que busca fomentar as compras de proximidade apelando a un consumo máis responsable, sostible e respectuoso coa contorna. Nese senso, todas as persoas que se acheguen hoxe a ese punto informativo cun tícket de compra procedente de calquera establecemento comercial do concello recibirán como obsequio unha bolsa de tea coa imaxe da campaña.