A Xunta convoca ata o 6 de novembro os Premios Tolerancia Cero fronte ao Acoso para recoñecer o traballo dos centros no reforzo da convivencia

Os centros públicos poderán presentar os proxectos desenvolvidos durante o curso 2025/26 para previr o acoso e o ciberacoso e promover unha convivencia positiva

A convocatoria establece dous primeiros premios de 8.000 euros, un por cada categoría, ademais de segundos e terceiros premios e mencións de honra

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia convoca o Premio Tolerancia Cero fronte ao Acoso 2026, destinado a recoñecer o traballo dos centros educativos públicos na prevención do acoso e do ciberacoso escolar e na promoción dunha convivencia positiva. A convocatoria, que remata o 6 de novembro o prazo de presentación, conta cunha dotación total de 30.000 euros para distinguir as actuacións e os proxectos desenvolvidos durante o curso 2025/26 que destaquen polo seu compromiso coa convivencia escolar.

O premio estrutúrase en dúas categorías: a primeira dirixida aos centros que imparten educación infantil e primaria; e a segunda aos que ofrecen educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, educación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial. En cada categoría concederase un primeiro premio de 8.000 euros, un segundo de 4.000 euros, un terceiro de 2.000 euros e unha mención de honra dotada con 1.000 euros. Os centros interesados deberán presentar unha única solicitude por vía electrónica, a través da sede da Xunta de Galicia, acompañada da memoria descritiva das actuacións realizadas e do resto da documentación recollida nas bases.

Conxunto de accións neste eido

Con esta iniciativa, a Consellería reforza o seu compromiso coa creación de contornas escolares seguras, inclusivas e respectuosas, nas que todo o alumnado poida aprender e relacionarse en condicións de benestar e protección. De feito, esta semana actualizouse a normativa actual de convivencia para seguir fortalecendo o clima de respecto, responsabilidade e convivencia nas aulas.

Os premios enmárcanse no conxunto de medidas impulsadas pola Xunta para previr e combater o acoso escolar, entre as que destaca o Contrato de Vida Dixital, posto en marcha o curso pasado como unha iniciativa pioneira para promover o uso responsable da tecnoloxía entre o alumnado, coa implicación das familias e dos centros educativos.

Estas actuacións compleméntanse coas medidas recollidas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, como a Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, a prohibición do uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos, a instalación de Puntos Laranxa para facilitar a comunicación anónima de posibles casos, o Termómetro do Acoso Escolar, que permite avaliar a situación de convivencia nunha aula, e a creación dos Equipos ACAE de Actuación contra o Acoso Escolar, integrados por docentes.

Data de actualización: 18/10/2026