A directora xeral de Promoción da Igualdade asistiu hoxe á celebración do XXX aniversario da Asociación Tres de Maio
A Xunta pon en valor a contribución das mulleres rurais ao desenvolvento do territorio
Eloína Ingerto considera fundamental recoñecer o papel de mulleres que foron e son referentes para o conxunto da sociedade
Laza (Ourense), 17 de outubro de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Igerto, puxo en valor hoxe o papel fundamental das mulleres rurais no desenvolvemento do territorio e a súa contribución a construír unha Galicia máis comprometida coa igualdade e o avance social. Fíxoo na celebración do 30 aniversario da Asociación Mulleres Rurais Tres de Maio de Laza, na que tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor e o alcalde de Laza, José Ramón Barreal.
Eloína Ingerto louvou o compromiso desta entidade na promoción dunha sociedade máis igualitaria e tamén o seu traballo en favor de dar visibilidade a todas as mulleres. Neste sentido, considerou que é fundamental que desde todas as administracións se dean pasos adiante neste sentido e se recoñeza o papel de moitas mulleres que foron e son referentes para o conxunto da sociedade.
Este 30 aniversario da Asociación Tres de Maio de Laza tivo como marco o Día Internacional das Mulleres Rurais. O programa de actividades incluíu un obradoiro artesán, unha exposición dos traballos feitos por membros da entidade e unha comida de confraternidade.