A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional asinaron a renovación do convenio de colaboración co presidente do COAG

A Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia apostan polo Proxecto Terra para a sensibilización á mocidade sobre o respecto ao territorio

As actuacións proxectadas ao abeiro deste convenio, que se levarán a cabo ata o ano 2028, contarán cun orzamento de 437.000 euros

Trátase de mellorar o coñecemento do alumnado dos centros educativos sobre a arquitectura galega, a identidade territorial e o respecto pola paisaxe

A nova edición amplía as actividades ao estudantado de Formación Profesional e dos centros de Educación Especial

O programa incorpora a segunda edición do concurso de debuxo, pintura e fotografía Amosando e Protexendo o noso territorio

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026

A Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) apostan polo Proxecto Terra para a promoción da sensibilización e concienciar á mocidade sobre o respecto ao territorio e á paisaxe.

Así, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, xunto á directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Victoria Núñez, asinaron esta semana en San Caetano a renovación do convenio de colaboración co presidente do COAG, Luciano González, para desenvolver o Proxecto Terra 2026-2028.

As actuacións proxectadas ao abeiro deste convenio, que se levarán a cabo ata o ano 2028, contarán cun orzamento de 437.000 €, que será financiado nun 90% por parte da Xunta.

O Proxecto Terra, que se desenvolve desde 2003, ten como obxectivo mellorar o    coñecemento do alumnado dos centros educativos da comunidade autónoma sobre a arquitectura galega e a identidade territorial, promovendo o respecto pola ordenación urbanística, a paisaxe e os espazos que habitamos.

A iniciativa combina educación e urbanismo a través de actividades amenas e creativas e de materiais didácticos adaptados ás diferentes etapas educativas , para afondar en aspectos como o territorio, a arquitectura e o medio ambiente. Como novidade nesta edición, o programa esténdese tamén ao alumnado de Formación Profesional e dos centros de Educación Especial.

Ademais, o Proxecto Terra ofrece ao estudantado unha nova oportunidade para amosar a súa creatividade e percepción do territorio e da paisaxe coa segunda edición do concurso de debuxo, pintura e fotografía Amosando e Protexendo o noso territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2026