O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o Colexio Vicente Risco

Román Rodríguez afirma que os orzamentos 2027 da Xunta manteñen o compromiso coa mellora dos centros educativos e coa I+G+ i en Vigo

O proxecto de lei de orzamentos aprobado onte no Consello da Xunta dá continuidade ao apoio á Universidade de Vigo no sostemento dos diferentes programas e centros de investigación

O titular do departamento educativo explica que o cumprimento do Acordo de mellora do ensino asinado cos sindicatos e os apoios en materia de comedores escolares e libros de texto representan unha parte fundamental das contas da Consellería

Vigo, 17 de outubro de 2026

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Vicente Risco, no barrio vigués de Teis, onde afirmou que os Orzamentos 2027 da Xunta manteñen o compromiso coa mellora dos centros educativos a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, coma o visitado hoxe ou o Instituto Domingo Villar de Navia, e coa I+G+i en Vigo.

Neste sentido, o proxecto de lei de orzamentos aprobado onte no Consello da Xunta dá continuidade ao apoio á Universidade de Vigo no sostemento de programas de investigación que abranguen a formación e consolidación da carreira investigadora mediante programas predoutorais, posdoutorais e doutoramentos industriais, grupos de investigación e investigadores Ramón y Cajal e Juan de la Cierva, así como a científicos recoñecidos polo Consello Europeo de Investigación. Tamén para os cinco centros de investigación singulares de excelencia e centros colaborativos da rede CIGUS e para a construción do novo Centro de Investigacións Mariñas (CIM) no edificio Siemens da ETEA.

Acordo sindical de mellora educativa

O titular do departamento educativo do Goberno galego, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, explicou que os Orzamentos 2027 tamén reflicten o esforzo económico vinculado ao Acordo sindical de mellora educativa, que implica nese curso 2026/27 contar con 956 docentes máis en virtude da reconfiguración do horario en Secundaria e o reforzo da atención á diversidade.

Unha das partidas máis relevantes nas contas da Consellería para o próximo ano é aquela que ten que ver cos apoios para os libros de texto e material escolar, así como para os comedores. Neste último apartado inclúense os fondos necesarios para cubrir os comedores que xestiona directamente a Xunta, así como os convenios cos concellos e as subvencións para as anpas que xestionan o servizo. Tamén a liña de axudas a usuarios que empregan comedores non xestionados polo Goberno galego, cuxa primeira convocatoria se publicou neste mesmo ano.

O desenvolvemento do Marco galego para o impulso educativo, o programa propio de auxiliares de conversa ou a continuación da implementación do proxecto EdugalIA son outros dos proxectos destacables de cara a 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2026