A Xunta dá continuidade ao programa para que o alumnado galego certifique o seu nivel de portugués
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con Filipa Soares, responsable do Instituto Camões en España, e co cónsul xeral de Portugal en Vigo, Sr. João Bezerra da Silva, para facer seguimento e dar continuidade ao programa a través do que o alumnado galego pode certificar o seu nivel de portugués. No encontro participou tamén a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
Arredor de 300 alumnos de 4º de ESO e 2º de Bacharelato participan cada curso nesta iniciativa, a través da que os estudantes poden participar de balde e vía electrónica nas probas Camões Junior para certificar o seu nivel de competencias nesta lingua, nos niveis A1, A2, B1 ou B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Cómpre lembrar que a Xunta e o Instituto Camões colaboran tamén na dotación de docentes de portugués a centros que imparten estas ensinanzas en Galicia.