A Xunta acompaña a chegada ao mercado dos resultados de nove proxectos de investigación

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ofrece un curso de formación dirixido ás persoas promotoras e integrantes dos equipos dos proxectos financiados pola Convocatoria Ignicia Proba de Concepto

Esta formación enmárcase na fase de desenvolvemento destes proxectos e aborda aspectos legais, de estruturación e de crecemento de proxectos empresariais de comercialización de tecnoloxías

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP acompaña a chegada ao mercado dos resultados de nove proxectos de investigación da convocatoria Ignicia Proba de Concepto. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, apuntou na benvida ao curso Aspectos legais, estruturación e crecemento de proxectos de comercialización de tecnoloxías que o obxectivo desta formación é guiar aos equipos dos proxectos seleccionados nesta convocatoria na transferencia de resultados, axudarlles a reducir as incertezas e proporcionarlles ferramentas e apoio especializado para aumentar as posibilidades de éxito.

“Desde a Xunta de Galicia temos claro que apoiar a investigación e a xeración de coñecemento é fundamental, pero tamén o é conseguir que os seus resultados poidan converterse en novas tecnoloxías, produtos, servizos ou empresas e que contribúan ao desenvolvemento económico e social de Galicia”, engadiu a directora da Axencia. Precisamente, este é o obxectivo desta liña de axudas: transformar o coñecemento xerado nos centros de coñecemento galegos en solucións que poidan chegar ao mercado e xerar un impacto real na sociedade.

Na acción formativa abordaráronse os principais aspectos legais, de estruturación e de crecemento vinculados a proxectos empresariais de comercialización de tecnoloxías: como estruturar un proxecto empresarial, que implica constituír unha sociedade, como regular as relacións entre os socios, como negociar unha licenza de tecnoloxía ou que condicións hai que valorar cando se incorpora un investidor.

Desde novas terapias contra o cancro ata IA aplicada ao medio ambiente

Nela participaron as persoas promotoras e integrantes dos equipos dos proxectos financiados pola Convocatoria Ignicia Proba de Concepto 2025. Trátase de nove proxectos das tres universidades públicas galegas e dos centros tecnolóxicos AIMEN e Gradiant, que se atopan actualmente na fase de desenvolvemento e que recibiron en total 4M€ da Xunta de Galicia. A súa temática é moi diversa: desde novas terapias contra o cancro ou a artrose a solucións de criptografía para a era cuántica, pasando por tecnoloxías para a rexeneración de tecidos, baterías máis avanzadas, intelixencia artificial aplicada á calidade do aire, fabricación aditiva ou desenvolvemento de sensores para a calidade da auga.

Balance de Ignicia Proba de Concepto

Ao longo das súas cinco edicións, Ignicia Proba de Concepto apoiou 41 proxectos, cun investimento próximo aos 17 millóns de euros. Das edicións anteriores xurdiron xa 14 empresas de base tecnolóxica e formalizáronse tres acordos de licenza coa industria. Son iniciativas que contribuíron á creación de máis de 150 empregos cualificados e á captación de financiamento público e privado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2026