A Xunta celebra o recoñecemento nacional ao IES A Cachada de Boiro nos Premios Consumópolis
A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, asistiu hoxe ao acto de entrega da 21ª edición deste certame escolar que ten como obxectivo fomentar hábitos de consumo responsable, crítico e sostible
A competición, celebrada baixo o lema Á hora de consumir, que non te domine o click, desenvolveuse en dúas fases, unha autonómica, na que participaron 123 equipos en Galicia, e outra nacional, que incluíu a realización dun podcast
Madrid, 20 de outubro de 2026
A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, asistiu hoxe ao acto de entrega dos premios da 21ª edición do concurso escolar Consumópolis, no que o IES A Cachada de Boiro resultou gañador do Premio Nacional, representando a Galicia nesta convocatoria.
O certame, organizado polas diferentes administracións autonómicas en colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, ten como obxectivo fomentar entre o alumnado hábitos de consumo responsable, crítico e sostible, con especial atención aos retos que presenta a contorna dixital. Nesta edición, celebrada baixo o lema Á hora de consumir, que non te domine o click, os participantes reflexionaron sobre a influencia da publicidade e do márketing dixital, o papel das persoas influentes nas redes sociais, as compras impulsivas en liña e o uso de algoritmos que poden condicionar as decisións de consumo, así como sobre a importancia de coñecer e exercer os dereitos das persoas consumidoras e usuarias.
O concurso está dirixido a estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional Básica. A competición desenvolveuse en dúas fases —autonómica e nacional— e combinou un percorrido virtual por Consumópolis, no que as rapazas e rapaces deben superar diferentes probas educativas, xunto coa elaboración dun traballo colectivo sobre consumo responsable.
Nesta 21ª edición, o reto creativo consistiu na realización dun podcast de ata tres minutos, elaborado polo propio alumnado, que debía incorporar un título, un lema relacionado co tema central do certame e reflectir como as decisións de consumo poden contribuír a transformar a sociedade e o mundo. En Galicia participaron un total de 123 equipos, distribuídos en tres categorías por idades. Na fase autonómica recoñecéronse os tres mellores traballos de cada categoría, con premios de 1.000 euros para os primeiros clasificados, 600 euros para os segundos e 300 euros para os terceiros. Os equipos gañadores do primeiro premio autonómico en cada categoría accederon á fase nacional, na que o IES A Cachada de Boiro acadou o recoñecemento estatal en materia de consumo.