A Xunta pon en marcha un proxecto piloto de Aulas Senda para reforzar a inclusión educativa co apoio de entidades de atención á diversidade
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP afirma que este novo recurso permitirá ofrecer unha atención máis especializada ao alumnado con necesidades educativas especiais
Súmase ao abano de opcións dos que dispoñen as familias á hora de escoller o modo de escolarización que consideran máis axeitado para os seus fillos e fillas
Román Rodríguez subliña que a escolarización nos centros ordinarios é un referente básico do sistema educativo galego, co 94,2% do alumnado con NEE nesta situación
Nesta primeira fase poranse en marcha de xeito progresivo unha vintena de Aulas Senda e todas elas contarán cun docente especialista en Pedagoxía Terapéutica a tempo completo, ademais dos apoios necesarios en función de cada alumno e de material didáctico adaptado
No acto de presentación desta iniciativa, que forma parte do novo Marco galego para o impulso educativo, participan a Federación de Autismo Galicia, Amicos e Amencer-Aspace, que prestaron asesoramento á iniciativa
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026
O Goberno galego reforza a aposta pola inclusión educativa coa posta en marcha das novas Aulas Senda, nas que se traballará con alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) nos centros ordinarios, co obxectivo de ofrecer unha atención máis especializada e axustada ao estudantado que así o requira.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio de Roxos, no que se implantou este recurso. Este centro forma parte dun proxecto piloto dunha vintena de aulas deste tipo que se irán implantando de xeito progresivo en toda Galicia, e que nacen dun diálogo previo e de consenso con colectivos de atención á diversidade en Galicia. De feito, Román Rodríguez estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e por representantes da Federación de Autismo Galicia, Amicos e de Amencer-Aspace, a quen agradeceu a colaboración prestada e a súa experiencia neste eido para poder perfilar este recurso.
O conselleiro explicou que en Galicia existe un amplo abano de opcións para os alumnos con necesidades, que se poñen a disposición das familias para que poidan escoller en función do que consideran máis axeitado para os seus fillos e fillas. Con estas novas Aulas Senda, as familias teñen outro recurso máis onde escoller, dentro da escolarización ordinaria, máis especializado, e tanto para a etapa de Primaria como para a de Secundaria.
Román Rodríguez sinalou que a posta en marcha destas aulas responde á necesidade de reforzar a capacidade dos centros educativos para atender “unha realidade educativa cada vez máis diversa e complexa”. Neste senso, fixo fincapé na importancia de que o alumnado con necesidades educativas especiais, poida beneficiarse dunha atención educativa especializada “sen desconectarse da dinámica ordinaria do centro”.
Isto é, que a través destas Aulas Senda poderase compatibilizar a atención especializada que precisa un determinado perfil de alumno coa súa participación na vida do centro educativo ordinario no que está matriculado, establecer relacións, compartir experiencias e progresar de acordo coas súas necesidades. O obxectivo é asegurarlle e cada estudante “as oportunidades, os recursos e as medidas educativas que precise para participar e progresar en condicións de equidade”, abondou.
Acción incluída no Marco galego para o impulso educativo
O proxecto piloto de Aulas Senda é unha das medidas do Marco galego para o impulso educativo 2026/30, que abrangue un conxunto de novas accións centradas nas aprendizaxes clave como son as competencias lectora e matemática, o apoio ao profesorado no seu labor docente, o impulso da igualdade de oportunidades a través das Aulas Sendas, por exemplo, e os novos retos marcados polo avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.
Con esta medida, Galicia dá un paso máis no reforzo da atención especializada, nun eido no que xa é referente estatal, posto que o 94,2% do alumnado con necesidades está escolarizado nun centro ordinario, fronte ao 85,7% da media de España. De feito, Román Rodríguez subliñou que a escolarización nos centros ordinarios constitúe un referente básico do sistema educativo galego, un compromiso que se reforza ano tras ano, como se exemplifica cos 150 novos profesionais de atención á diversidade este curso.
Dotación específica e personalizada
Nestas Aulas Sendas, a asignación de recursos farase de xeito personalizado, atendendo ás necesidades de cada perfil. En todo caso, contarase, con carácter xeral, cun docente especialista en Pedagoxía Terapéutica a templo completo. A dotación completarase co persoal educativo e de apoio necesario en función das características do alumnado escolarizado, podendo dispor tamén dun docente especialista en Audición e Linguaxe e de persoal coidador.
Ademais da dotación de profesionais especializados, disporase de material didáctico adaptado como materiais de accesibilidade comunicativa, tecnoloxías accesibles, mobiliario ergonómico e adaptado ou equipamento sensorial, entre outros.
Colaboración e asesoramento cos centros de educación especial
Tamén se establece unha colaboración entre estas aulas e os centros de educación especial, que actuarán como centros de referencia e apoio, e poderán facilitar o préstamo temporal de material de apoio e materiais específicos para que os centros ordinarios poidan testar a súa eficacia co alumnado antes de tramitar a súa adquisición definitiva.
Así mesmo, o departamento de orientación do centro ordinario poderá contar co asesoramento do centro de educación especial de referencia para avaliar os recursos máis axeitados para cada alumno.