A Xunta colabora nunha nova edición da feira do cabalo de Lourenzá, que se celebra este domingo
Lourenzá, 20 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da VI Feira do Cabalo de Lourenzá, que se celebrará este domingo, 25 de outubro, coa colaboración do Goberno galego.
A feira, organizada pola asociación Cabaleiros de Lourenzá, comezará ás 9,00 horas e volverá reunir afeccionados, criadores e xinetes nunha xornada dedicada ao mundo ecuestre e á tradición cabalar, con gran arraigo na comarca.
A programación inclúe probas de andadura, un concurso morfofuncional de poldros e a celebración do Campionato Cabalo Marchador Galego. Durante a xornada haberá tamén compravenda de gando equino, vacún, ovino caprino e porcino, así como propostas dirixidas ao público infantil, entre elas paseos gratuítos a cabalo.
Entregaranse ademais premios aos mellores exemplares -macho e femia- nas categorías de tiro, pura raza árabe, raza española e frisona, entre outras. Tamén se galardoará ao cabalo mellor engalanado ao xeito tradicional.
Villares animou a participar nesta celebración e desfrutar dunha xornada na que os cabalos, a tradición e a convivencia son os protagonistas.