Belén do Campo recibe na praza do Obradoiro a 420 alumnos e profesores que participaron na V Etapa Xacobea Conxunta Teo-Santiago

A delegada da Xunta destacou o valor desta iniciativa para fomentar hábitos saudables, promover a convivencia entre a mocidade e achegar os valores do Camiño de Santiago ás novas xeracións

A Coruña, 20 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao xerente da Fundación contra o Narcotráfico, Fernando Alonso, recibiron hoxe na praza do Obradoiro a 420 alumnos e profesores que participaron na quinta edición da Etapa Xacobea Conxunta entre Teo e Santiago de Compostela, organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN) no marco do programa O Teu Camiño. Camiño Xacobeo da mocidade de Arousa.

A iniciativa reuniu estudantes e docentes de da ESO de 8 centros educativos de 4 Concellos: Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Teo, que percorreron aproximadamente 15 quilómetros do Camiño Portugués desde a Carballeira de Francos, no concello de Teo, ata chegar á capital galega, nunha xornada que combinou deporte, convivencia e coñecemento do patrimonio cultural e natural do Camiño De Santiago. Os alumnos participantes son do IES Cacheiras de Teo, IES Armando Cotarelo, colexio Sagrada Familia e o San Francisco de Vilagarcía de Arousa, IES Francisco Asorey, e IES Ramón Cabanillas de Cambados e IES A Basella e IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa.

Belén do Campo puxo en valor a importancia de iniciativas como esta, que contribúen a fomentar hábitos de vida saudables entre a mocidade a través da actividade física e que, ao mesmo tempo, favorecen a relación entre alumnado de diferentes centros e localidades. Neste sentido, salientou que o Camiño de Santiago constitúe un marco privilexiado para transmitir valores como o compañeirismo, o respecto, a convivencia e o coidado da contorna.

A delegada destacou tamén o compromiso da Xunta de Galicia con este tipo de propostas educativas, culturais e deportivas, que permiten achegar o patrimonio xacobeo ás novas xeracións e promover modelos de lecer saudable, reforzando o coñecemento directo da riqueza histórica, artística, paisaxística e ambiental de Galicia.

Neste contexto, a iniciativa conecta coa aposta do Goberno galego de facer do Xacobeo 2027 unha oportunidade para proxectar Galicia a nivel internacional e reforzar o valor do Camiño de Santiago como un dos principais referentes culturais, turísticos e patrimoniais da comunidade. A implicación da mocidade neste tipo de actividades contribúe a transmitir ese legado ás novas xeracións e a manter vivos os valores da peregrinación.

A iniciativa busca consolidar o Camiño como un espazo de aprendizaxe e convivencia, no que a práctica deportiva se combina coa descuberta dos seus valores e do seu legado.

Como novidade desta quinta edición, a delegada e os mozos e mozas participantes formaron unha frecha humana na praza do Obradoiro, sinalando cara á Catedral de Santiago, nunha acción colectiva que simboliza o sentido da peregrinación e a unión dos centros participantes. Tras a chegada, os estudantes e docentes tamén visitaron a Catedral.

A Fundación Galega contra o Narcotráfico organiza esta actividade en colaboración cos centros educativos participantes e conta co patrocinio de Turismo de Galiciacon 12.000 euros e merchandising, así como co apoio da Consellería de Sanidade, a Obra Social La Caixa/CaixaBank, o Porto de Vilagarcía de Arousa, a Academia Xacobea e os concellos de Teo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados. Tamén colaboran os servizos de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa e Ames e a Policía Local de Ames para garantir a seguridade do percorrido.

O programa O Teu Camiño continuará nos vindeiros meses con actividades culturais e artísticas vinculadas á experiencia da peregrinación. Entre elas figuran exposicións fotográficas e artísticas elaboradas coa participación dos centros educativos, así como a terceira edición do certame de relato curto Contos do Camiño, cuxo prazo de participación se prolongará ata marzo de 2027.

Deste xeito, a iniciativa combina deporte, arte e literatura para promover o coñecemento do Camiño de Santiago entre a mocidade galega, asociando os seus valores á práctica deportiva, á creación artística e á promoción de hábitos de vida saudables.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2026