A Xunta e as confrarías de Ferrol e Barallobre avalían a situación do marisqueo a flote e acordan actuacións conxuntas
Os directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de Desenvolvemento Pesqueiro reuníronse cos representantes de ambos os pósitos para analizar o estado dos bancos da ría
A Consellería do Mar e as confrarías acordan medidas para velar pola sustentabilidade dos bancos marisqueiros como un peche temporal, a retirada de competidores e o correspondente apoio económico aos profesionais afectados
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, reuníronse con representantes das confrarías de pescadores de Ferrol e de Barallobre para analizar de xeito conxunto o estado dos recursos e coordinar medidas operativas dirixidas ao marisqueo a flote.
Durante o encontro, abordaron medidas para velar pola sustentabilidade dos bancos marisqueiros, como realizar un peche temporal, a retirada de competidores e o correspondente apoio económico aos profesionais que estean afectados por esa paralización temporal da actividade.
Neste marco, ambas partes destacaron a interlocución fluída e a colaboración continuada que manteñen a Administración autonómica e os pósitos da ría para articular solucións técnicas e socioeconómicas adaptadas ás necesidades da frota. Esta cooperación ten como referentes recentes o convenio asinado coa Confraría de Barallobre —dotado con máis de 1,3 millóns de euros para o plan de recuperación e rexeneración de hábitats afectados por eventos de baixa salinidade— ou o proxecto subscrito no marco de Redemar para a avaliación e recuperación da zamburiña na ría de Ferrol, con preto de 168.000 euros de investimento.
Así mesmo, os representantes autonómicos e os responsables das confrarías coincidiron na importancia de manter esta coordinación técnica para continuar avaliando a evolución biolóxica dos bancos e garantir tanto a sustentabilidade dos recursos mariños como a estabilidade económica dos profesionais do marisqueo.