A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde do municipio

A Xunta e o Concello de Leiro avalían medidas para a mellora do abastecemento na localidade

Na xuntanza analizouse o proxecto municipal para reforzar o servizo cunha captación superficial no río Avia

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, avaliaron hoxe nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela as posibilidades de acometer medidas para mellorar o abastecemento no municipio.

Así, o alcalde trasladou á conselleira información sobre unha actuación que propón o Concello para reforzar o servizo a través dunha captación superficial no río Avia, que incluiría, entre outras características, unha estación de bombeo e unha condución de impulsión ata a estación de tratamento de auga potable (ETAP).

Pola súa banda, Ángeles Vázquez asegurou que o persoal técnico de Augas de Galicia estudará o proxecto do concello para determinar a súa viabilidade técnica e as posibles vías de colaboración para o seu financiamento.

Cómpre lembrar que aínda que as competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de augas son municipais, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presta o seu apoio técnico e económico aos concellos galegos para contribuír a que poidan exercelas do xeito máis eficiente e presten uns servizos de calidade á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2026