Santiago acolle o lanzamento do proxecto Equivalemt, coa presenza de representantes das 19 entidades de nove países que forman parte do consorcio coordinado por Galicia
O Val europeo de cuántica liderado por Galicia destinará 7,5 M€ a proxectos de empresas, centros de investigación e entidades tecnolóxicas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participa na presentación do proxecto europeo Equivalemt, que promove a colaboración entre rexións para impulsar as tecnoloxías cuánticas
Esta iniciativa conta cun orzamento de 14,3 M€ ata 2031, cofinanciados pola Comisión Europea a través do Programa Horizonte Europa
Galicia participa actualmente noutros tres proxectos internacionais relacionados con estas tecnoloxías, que están identificadas como iniciativas de alto impacto no Plan galego de I+D+i
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026
O Val europeo de innovación cuántica liderado por Galicia destinará 7,5 M€ a proxectos de pemes, startups, hubs tecnolóxicos e centros de coñecemento que apliquen estas tecnoloxías. A Xunta acolleu hoxe en Santiago a presentación do proxecto europeo EQUIVALEMT (European Quantum Innovation Valleys as Strategic Emerging Technology), que promove a colaboración entre rexións para acelerar o desenvolvemento destas tecnoloxías e a súa chegada ao mercado. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou o orgullo e a responsabilidade que supón para Galicia “liderar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas en Europa”.
Ao acto de lanzamento do proxecto europeo Equivalemt, celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea, asistiron representantes das 19 entidades de nove países europeos que forman parte do consorcio que coordina Galicia, así como axentes do ecosistema galego de cuántica. O titular de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, agradeceu aos axentes de innovación procedentes de Italia, Portugal, Países Baixos, Finlandia, Francia, Romanía, Austria e Alemaña, ademais de España, a súa presenza na nosa Comunidade para “comezar un traballo conxunto que sen dúbida marcará un antes e un despois no mapa das tecnoloxías cuánticas en Europa”. “Estamos na antesala dunha gran revolución tecnolóxica e temos que estar preparados, con profesionais e equipamento. Por iso a nosa aposta pola ampliación do Cesga e a fábrica de IA, que permitirán sacar máximo rendemento a esta tecnoloxía”, engadiu o conselleiro.
O proxecto europeo Equivalemt conta cun orzamento total de 14,3 M€ ata 2031, cofinanciados pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa. Dese total, 7,5 M€ destinaranse a unha das principais medidas do proxecto: convocatorias de axudas para iniciativas que apliquen tecnoloxías cuánticas ás que poderán concorrer pemes, startups ou centros de coñecemento das rexións participantes.
Computación, comunicacións seguras, industria e saúde
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou que liderar este proxecto é un privilexio: supón coordinar a 19 socios para reforzar a posición de Europa en tecnoloxías cuánticas, que teñen un gran potencial en áreas como a computación, as comunicacións seguras, a industria, a sanidade e moitos outros ámbitos.
Na xornada de lanzamento participaron tamén representantes da Comisión Europea como Magdalena Cymerys, responsable de políticas na Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea; ou Enrique Sánchez, xefe da oficina de Bruxelas da EU Quantum Flagship. Así mesmo, representantes de distintas entidades explicaron os obxectivos do proxecto e representantes da industria, en concreto das empresas Hijos de Rivera, Finsa, Mestrelab e Bahía Software amosaron como están aplicando as tecnoloxías cuánticas nas súas compañías. Pola tarde, os socios europeos visitarán o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
19 entidades de nove países
A Comisión Europea aprobou a comezos de 2026 este proxecto para conectar vales rexionais de innovación, cunha duración prevista de cinco anos, liderado pola Xunta de Galicia e no que tamén participa o Cesga. As entidades participantes dos outros países son: de Italia, Regione Emilia-Romagna, Clust-ER Innovazione nei Servizi, Politecnico di Milano e Orthokey Italia; de Portugal, CCDR-N e International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL); dos Países Baixos, TU Delft; de Finlandia, Business Tampere e Tampere University; de Francia, Région Île-de-France, CEA (Commissariat à l’énergie atomique), Teratec e Systematic Paris Region; de Romanía, Regional Development Agency West Romania (ADR) e Euro Atlantic Diplomacy Society; de Austria, DCS Computing; e de Alemaña, Munich Quantum Valley.
Posición destacada de Galicia en cuántica
Galicia leva apostando firmemente polas tecnoloxías cuánticas desde o ano 2021. Foron definidas como iniciativa de alto impacto no Plan galego de I+D+i 2025-2027. “A nosa Comunidade está facendo un esforzo especial tanto a nivel de investimentos como de impulso á colaboración“, expresou Carmen Cotelo. Actualmente, a Xunta e o Cesga participan en proxectos internacionais neste ámbito como IberianQCI, QuantumIberIA ou QEX, que están a mobilizar máis de 10 millóns de euros na nosa Comunidade.