Galicia advirte a Bruxelas de que a pesca e a acuicultura non poden agardar ata 2040

A conselleira do Mar recoñece avances na Visión 2040, pero advirte de que a obriga de desembarque e a renovación da frota esixen cambiar as normas, non só aplicalas mellor

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, advirte á Comisión Europea de que a Visión 2040 para a pesca e a acuicultura, presentada onte, diagnostica acertadamente os problemas do sector, pero non asume ningún compromiso de revisar o Regulamento de base da Política Pesqueira Común (PPC), cuxa última reforma de fondo data de 2013. É a mensaxe que xa trasladou o 14 de outubro na reunión que mantivo en Bruxelas coa DG MARE: “Non pedimos volver atrás, pedimos avanzar”.

 

Galicia reclama tres cousas á Comisión: que fixe o alcance e o calendario dunha revisión específica da PPC e presente as propostas lexislativas que resulten xustificadas; que dea unha solución normativa á obriga de desembarque, que a propia Comisión recoñece que non deu os resultados agardados; e que permita renovar a frota sen que iso conte como pescar máis.

 

A titular do Mar subliñou que o propio documento da Comisión recoñece que as marxes de beneficio da pesca non melloraron como se agardaba, que a rendibilidade dos investimentos segue sendo baixa —un 4,6 % no conxunto do sector pesqueiro en 2023—, que a frota e a man de obra envellecen e que a obriga de desembarque non deu os resultados agardados.

 

Porén, a resposta de Bruxelas limítase a mellorar a aplicación do marco vixente e a poñer en marcha iniciativas específicas, sen fixar un calendario para revisar o Regulamento de base, cuxa avaliación publicou a propia Comisión en abril. Neste sentido, Villaverde defendeu que unha estratexia a longo prazo non substitúe a revisión das normas que condicionan a súa aplicación e que, se o diagnóstico é ese, o marco que o xerou non pode quedar intacto ata 2040. Precisou que Galicia non propón unha reforma integral da política nin cuestiona os seus obxectivos de sustentabilidade, senón unha revisión específica das disposicións que frean o sector.

 

Villaverde defendeu esa posición ante a DG MARE como presidenta do grupo de traballo de pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) e pediu unha revisión “centrada nas disposicións que, segundo as evidencias, nos frean” e advertiu de que, xunto aos avances acadados desde 2013, “tamén debemos ser honestos sobre o que non funcionou”. Agora reclama que a Comisión concrete que pasos dará a partir da avaliación do Regulamento de base, con que alcance e en que prazos.

 

Entre as cuestións que Galicia considera prioritarias, a conselleira situou a obriga de desembarque, que a Comisión recoñece que non deu os resultados agardados, aínda que o atribúe sobre todo á súa aplicación práctica. Galicia considera que tamén inflúe o seu deseño. Villaverde defendeu manter o obxectivo de reducir as capturas non desexadas, pero mediante solucións proporcionadas e adaptadas a cada pesqueira, baseadas na prevención, na selectividade, na innovación e na mellora dos datos científicos. A Xunta pedirá participar no diálogo co sector que a Comisión anuncia para este mesmo ano, co obxectivo de que desemboque nun cambio normativo e non nun novo adiamento.

 

A responsable autonómica insistiu tamén en que a renovación da frota non pode confundirse cun aumento do esforzo pesqueiro. Galicia defende unha renovación “neutra en capacidade”, co mesmo teito e coas mesmas regras de entrada e saída, de xeito que un motor máis limpo, un equipamento de seguridade moderno ou un camarote digno non conten como máis capacidade de pesca. A frota europea reduciuse arredor dun 13 % entre 2013 e 2023, mentres que os buques da frota costeira galega superan os trinta anos de media.

 

A Visión abre unha vía parcial, ao prever a actualización das directrices de 2014 e a avaliación desde 2027 de indicadores complementarios de capacidade efectiva de captura, e o seu anexo sobre transición enerxética admite que se estudará se cómpre adaptar as normas da PPC. Pero as directrices non son vinculantes e ningún deses pasos modifica por si só as regras de capacidade do Regulamento de base.

 

Non obstante, a conselleira do Mar puxo en valor varios compromisos da Visión que responden a demandas do sector galego: a proposta que a Comisión presentará antes de que remate 2027 para simplificar o marco regulador e administrativo da acuicultura; a actualización das directrices de 2014 sobre o equilibrio entre capacidade e posibilidades de pesca; a proposta para integrar no dereito da UE o convenio STCW-F sobre formación e titulación do persoal dos buques pesqueiros, que chegará como moi tarde na primavera de 2028; e a Estratexia de Renovación Xeracional Azul, que se porá en marcha en 2027.

 

A Visión lembra que a Comisión propón unha reserva mínima de 2.000 millóns de euros nos plans nacionais e rexionais de asociación para funcións básicas da PPC, sen prexuízo da negociación do próximo marco financeiro plurianual. Villaverde advertiu de que ese marco queda moi curto para afrontar a renovación da frota, a transición enerxética e a remuda xeracional, e reclamou que as necesidades da pesca teñan un peso real na súa planificación. Pide, así mesmo, que as rexións participen no deseño dos plans nacionais e rexionais de asociación e na futura Lei do Océano, prevista para 2027, con atención específica á pesca artesanal e ás comunidades costeiras.

 

A Consellería do Mar trasladará estas prioridades ao Goberno de España e ás institucións europeas. En particular, pediralle ao Executivo central que impulse no Consello da Unión Europea unha petición á Comisión para que presente as propostas de revisión da PPC que resulten xustificadas, e que estableza mecanismos estables de coordinación coas comunidades autónomas, de xeito que Galicia participe de forma efectiva na elaboración e no seguimento da posición española.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 21/10/2026