María José Gómez esixe a blindaxe dos fondos da PAC para garantir a sustentabilidade do sector primario

A conselleira do Medio Rural participou por videoconferencia nas reunións da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento rural e dos Consellos consultivos de política agrícola e política pesqueira

Instou ao ministro Planas a e ao Goberno de España a “pelexar” por un orzamento suficiente e reiterou o desacordo de Galicia tanto coa rebaixa do 20 % dos fondos como coa desaparición do segundo piar da PAC, relativo ao desenvolvemento rural

Demandou ao Executivo central que á súa vez solicite na UE unha moratoria da entrada en vigor do caderno dixital das explotacións, previsto para o 1 de xaneiro de 2027, para non obrigar aos produtores a asumir neste intre o sobrecusto que representa a medida

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou hoxe que os fondos da Política Agraria Común -e en especial os dedicados ao desenvolvemento rural- “sigan estando blindados” nos orzamentos da Unión Europea. Fíxoo durante a súa participación, por videoconferencia, nas reunións da Conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural e dos consellos consultivos de política agrícola e política pesqueira, presididos polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

Nestas xuntanzas, Gómez instou ao ministro e ao Goberno de España a “pelexar” por un orzamento suficiente e amosou o seu desacordo tanto coa rebaixa do 20 % dos fondos como coa desaparición do segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), que se incluiría dentro dun fondo común no que outros departamentos (consellerías ou ministerios) poderían acceder tamén a eses recursos, dentro do Marco financeiro plurianual.

Ademais, a conselleira tamén demandou ao ministro que á súa vez solicite na UE unha moratoria na entrada en vigor do caderno dixital das explotacións, previsto para o 1 de xaneiro de 2027. Segundo Gómez, se non se adopta esta medida as pequenas granxas e produtores de Galicia van ter que facer fronte a un sobrecusto, para pagar a quen lles leve a cabo esa xestión, nun momento especialmente delicado para o sector. E engadiu que “simplificar (a PAC) non é o mesmo que dixitalizar”.

E precisamente sobre as dificultades do sector, a titular de Medio Rural criticou a demora no reparto, a nivel estatal, dos fondos comunitarios da axuda financeira de emerxencia pola crise en Oriente Próximo, que hoxe se abordou nestas reunións. Advertiu que as comunidades autónomas só dispoñen ata febreiro do vindeiro ano para publicar as ordes de axudas correspondentes e facer efectivo o pagamento, e lembrou ademais que os 1,6 millóns de euros procedentes de Europa van ser complementados con outros 2 millóns de euros a través de fondos propios da Xunta. Son cartos destinados a compensar o incremento dos custos dos fertilizantes e o gasóleo que teñen que afrontar os agricultores e gandeiros, segundo explicou a conselleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026