María José Gómez salienta a importancia do impulso da formación agraria para favorecer a incorporación de mulleres ao sector primario galego

A titular de Medio Rural participou no peche desta xornada, baixo o título Mulleres que cultivan futuro: Liderado, igualdade e cooperativismo alimentario, unha iniciativa que pon en valor o papel das agricultoras na industria

Salientou o compromiso do Goberno Galego coas mulleres rurais, que amosa a través de distintas liñas de axuda e ofertas de formación, ademais do desenvolvemento do novo Estatuto da Muller Rural de Galicia

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou no acto de clausura da xornada Mulleres que cultivan futuro: Liderado, igualdade y cooperativismo alimentario, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agoalimentarias (Agaca) no marco do Ano Internacional da Agricultora, que se celebra este 2026 como unha oportunidade para recoñecer a aportación das mulleres no sector agroalimentario, e salientou o papel da formación na incorporación das mulleres ao sector.

A programación conta cun relatorio maxistral que relaciona o recoñecemento xurídico co traballo feminino no rural, centrado en como o dereito ve, ou deixa de ver, o traballo das mulleres do medio rural. Ademais, inclúe unha mesa de experiencias conformada por mulleres referentes nas cooperativas agroalimentarias galegas e unha mesa coloquio titulada Políticas públicas para impulsar a igualdade efectiva nas cooperativas agroalimentarias, que contará coa participación da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán.

Na súa intervención, a conselleira puxo en valor a aportación das mulleres ao agro, “sempre presentes nas explotacións, nas cooperativas e nas empresas de transformación e comercialización, pero non sempre coa visibilidade que merecían”. Neste senso, recalcou que “cada vez hai máis mulleres en postos de responsabilidade nas cooperativas”, pero que aínda non é suficiente, sobre todo nos espazos de decisións coa capacidade para marcar rumbo no sector.

Así, subliñou o compromiso da Consellería do Medio Rural con favorecer a súa incoporación, que se traduce en ferramentas que loitan por unha igualdade real, como poden ser as axudas á incorporación e modernización e o apoio ao emprendemento a través do Leader, que contan con vantaxes específicas para proxectos impulsados por mulleres.

Destacou tamén que o Goberno Galego segue a impulsar a formación no eido do medio rural e salientou os excelentes datos de matriculación dos Centros de Formación Agraria, cun novo ciclo superior, implantado este ano en Ribadeo como mostra, no que “17 das 22 persoas matriculadas son mulleres”, subliñou.

Neste senso, salientou a importancia dunha Política Agraria Común (PAC) cun orzamento suficiente para dedicar ao desenvolvemento rural, como xa trasladou esta mesma mañá ao Ministro e ao Goberno de España na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento rural e dos Consellos consultivos de política agrícola e política pesqueira

Estatuto da Muller Rural de Galicia

Neste contexto, puxo en valor o futuro Estatuto da Muller Rural de Galicia, unha ferramenta para reforzar os dereitos das mulleres e favorecer unha participación máis equilibrada nos espazos de representación e decisión, contemplando entre os seus contidos que “o 40 % das persoas integrantes dos órganos de goberno das asociacións profesionais, empresariais e sindicais do ámbito agrario e agroalimentario sexan mulleres”.

Así mesmo, entre os seus obxectivos figuran o de promover o acceso das mesmas ao traballo agrario e fomentar o autoemprego e o emprendemento feminino, ademais de fomentar o seu acceso á formación e capacitación ao rural; fomentar accións de sensibilización en igualdade; propiciar a corresponsabilidade e as medidas de conciliación nas zonas rurais ou fomentar a seguridade e saúde no traballo feminino no rural. Trátase tamén de promover a dignificación salarial no sector agrario e no sector servizos, especialmente nos servizos de atención no fogar e coidados.

Deste xeito, a titular de Medio Rural resaltou a importancia de seguir traballando pola autonomía económica das mulleres rurais, apoiando “o  emprendemento, a formación e o desenvolvemento dos proxectos profesionais, eliminando os obstáculos que aínda dificultan ese camiño”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026