A Xunta destaca o Plan Renova o teu vehículo como motor para renovar o parque móbil galego
O director xeral de Planificación Enerxética e MInas, Pablo Fernández Vila, participou no evento impulsado pola Fundación Repsol baixo o título ‘O impacto da renovación do parque nas emisións, a seguridade vial e a economía’
Celebrou o impacto positivo da iniciativa da Xunta para incrementar os datos de matriculación en Galicia e para avanzar nunha mobilidade máis sustentable, segura e tecnoloxicamente avanzada
Madrid, 21 de outubro de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe o Plan Renova o teu vehículo para renovar o parque móbil galego e avanzar nunha mobilidade máis sustentable, segura e tecnoloxicamente avanzada.
Na súa intervención no evento impulsado pola Fundación Repsol en Madrid baixo o título ‘O impacto da renovación do parque nas emisións, a seguridade vial e a economía’, Fernández Vila celebrou o impacto positivo da iniciativa da Xunta de Galicia tanto na propia transición enerxética coa chegada de novas tecnoloxías como no incremento nos datos de matriculación, especialmente de vehículos eficientes, experimentado na Comunidade.
O director xeral tamén incidiu na importancia de establecer un cadro de apoios estables e sostidos no tempo para obter resultados efectivos. “O coche é o segundo investimento máis grande en moitas familias despois da vivenda, polo que precisan ter claro o marco de axudas e incentivos para a renovación dos seus vehículos”, explicou.
Pablo Fernández Vila defendeu a vinculación destas axudas ao resultado conseguido en lugar da tecnoloxía empregada. O plan, resaltou, “debe incentivar a retirada dos vehículos máis antigos, máis contaminantes e menos seguros, premiando a incorporación de vehículos que melloren obxectivamente eses tres parámetros: redución de emisións, aumento da seguridade vial e a mellora da eficiencia económica”.
O Plan Renova o teu vehículo é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para incentivar a adquisición de novos automóbiles eficientes por parte de particulares ou empresas, con axudas de ata 4.600 euros por vehículo coa retirada dun antigo.