A Xunta destaca a comunicación entre profesionais, a innovación e a investigación como base da industria forestal no seminario técnico de Planforlab
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal inaugurou o evento, no que participaron investigadores, propietarios e empresarios relacionados co sector do pino, para reflexionar sobre da situación actual dos bosques destas coníferas
Ponteareas (Pontevedra), 21 de outubro de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou hoxe na inauguración do seminario técnico Sanidade e mellora dos montes de Pinus Pinaster, organizado polo Grupo operativo Planforlab, que contou coa participación de investigadores, representantes de persoas propietarias forestais de Galicia e Portugal e empresarios relacionados coa industria do pino. Na súa intervención, a directora salientou a importancia da comunicación e colaboración das persoas implicadas no sector, así como a innovación e investigación como motores do futuro da industria.
O encontro dispuxo de dúas presentacións, unha do grupo organizador e outra sobre o bosque laboratorio de Xinzo-Ponteareas, ademais de dúas mesas de debate: a primeira sobre a situación sanitaria dos piñeiros e a mellora xenética e, a segunda, sobre retos da selvicultura e demanda de madeira.
Neste contexto, a directora sinalou a importancia de avanzar na mellora xenética e na aplicación de técnicas silvícolas adaptadas ás necesidades actuais dos montes galegos, co obxectivo de incrementar a súa produtividade, mellorar a calidade da madeira e reforzar a súa resistencia fronte ás pragas, ás enfermidades e aos efectos do cambio climático.
Así, puxo en valor o papel da investigación e da innovación para garantir a sustentabilidade dos piñeirais e favorecer a súa rendibilidade económica, destacando a necesidade de estreitar a colaboración entre os centros de investigación, as persoas propietarias forestais e as empresas da industria madeireira.
Deste xeito, salientou o interese de iniciativas como Planforlab que, utilizando o concepto de bosque laboratorio, é dicir, áreas forestais destinadas á experimentación, aprendizaxe e investigación, ten como obxectivo mellorar a saúde e a produtividade dos bosques de coníferas mediante a aplicación de innovacións en material xenético e silvicultura adaptativa. Estes traballos permitirán avaliar o comportamento das masas forestais e trasladar os resultados obtidos no bosque laboratorio ao territorio, contribuíndo a mellorar a súa saúde, resiliencia e capacidade produtiva.