O presidente do Goberno galego participa na apertura do encontro empresarial organizado por Expansión con motivo do seu 40º aniversario
Rueda destaca Galicia como un territorio estable, competitivo e atractivo para os investimentos empresariais
Subliña que a estabilidade política e orzamentaria de Galicia resulta un valor diferencial para atraer investimentos, competir nos mercados internacionais e xerar confianza entre o tecido produtivo
Enmarca os bos datos económicos da comunidade, con cifras récord de exportacións e afiliacións á Seguridade Social, no esforzo conxunto de empresas, traballadores e Administración
Destaca a aposta polo I+G+i a través da Estratexia Galega de Innovación Empresarial, dotada con 400 M€, a mobilización de 12 millóns de m² de solo industrial e a captación e retención de talento
Reivindica a necesidade de poñer fin aos déficits en infraestruturas estratéxicas como o Corredor Atlántico, a conexión en tren de alta velocidade con Portugal e unha planificación eléctrica axeitada
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel de Galicia como un territorio estable, competitivo e atractivo para os investimentos empresariais no actual contexto económico e internacional.
Así o defendeu esta mañá na apertura do foro empresarial Galicia: crecemento, inversión e innovación, organizado polo xornal económico Expansión no marco das actividades conmemorativas do seu 40º aniversario. No acto, no que tamén estiveron presentes a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Rueda salientou que, en “momentos tan convulsos” como os actuais, Galicia “ofrece certezas” grazas á súa estabilidade institucional e a previsibilidade orzamentaria, elementos diferenciadores para o crecemento na comunidade e para “facilitar que os inversores se instalen en Galicia”.
Neste sentido, lembrou que Galicia contará un ano máis con orzamentos aprobados en tempo e forma para o vindeiro exercicio 2027, alcanzando unha cifra récord de 15.158 millóns de euros sen necesidade de recorrer ao endebedamento por cuarto ano consecutivo, “blindando os servizos básicos” e atallando problemas como o da vivenda.
O presidente tamén apelou a non deixar pasar ningunha oportunidade cun “estrito cumprimento das normas”, e fundamentou o clima de confianza nos principais indicadores económicos de Galicia, destacando os niveis historicamente baixos de desemprego acadados o pasado mes de setembro, os récords de afiliación á Seguridade Social e a tendencia positiva das exportacións galegas, que acumulan tres anos consecutivos superando a barreira dos 30.000 millóns de euros.
Para seguir consolidando este dinamismo, Rueda remarcou a aposta firme da Xunta pola I+G+i no tecido produtivo. Referiuse á recente aprobación da Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, que mobilizará 400 millóns de euros para estender a innovación a todas as empresas galegas e mellorar a súa competitividade.
Transición enerxética, solo industrial e talento
No encontro, o xefe do Executivo autonómico sinalou a oportunidade histórica que supón a transición enerxética para a comunidade e tamén para as empresas. Así, avogou por acadar un impacto directo da xeración renovable na industria galega.
Así mesmo, puxo como exemplo do interese internacional por Galicia a futura implantación do grupo automobilístico SAIC en Ferrolterra e destacou o plan autonómico para habilitar 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata o ano 2030, cun investimento superior aos 440 millóns de euros, para posibilitar o asentamento de novas empresas ou o crecemento das existentes.
Rueda salientou ademais que o verdadeiro motor da economía reside nas persoas, polo que defendeu abordar “sen demagoxias” as baixas laborais, traballar para cubrir postos “que agora teñen moita demanda”, e unha estratexia integral orientada a “reter talento e atraer ao que está fora”.
Infraestruturas clave para o futuro
Para acadar o pleno rendemento do potencial galego, o titular do Executivo autonómico incidiu na necesidade de contar co apoio do Executivo estatal na execución de infraestruturas estratéxicas. Entre elas, demandou o desenvolvemento definitivo do Corredor Atlántico, o impulso firme das conexións ferroviarias de alta velocidade pendentes —con especial énfase no treito Vigo-Oporto, no que urxe axilizar a Saída Sur de Vigo— e unha planificación eléctrica que dea resposta ao crecemento dos proxectos industriais previstos en Galicia.