A Xunta presenta a mozos de toda España as opcións para desenvolver a carreira investigadora en Galicia
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A Xunta presentou hoxe en Santiago iniciativas para impulsar carreiras científicas nun curso no que participan máis de 600 persoas mozas procedentes de universidades e entidades de investigación de toda España na modalidade presencial e online. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, desglosou as posibilidades para iniciar e desenvolver unha carreira investigadora de calidade en Galicia na apertura desta formación organizada pola Academia Joven de España (AJdE), que ten lugar hoxe e mañá na Facultade de Química da Universidade de Santiago.
Carmen Cotelo explicou as opcións que ofrece o programa Oportunius da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, unha das principais iniciativas da Xunta de Galicia para atracción, retención e retorno de talento investigador.