A Xunta apoia a tese doutoral de 15 novos investigadores en empresas e centros de I+G+i para promover a transferencia de coñecemento
O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, participa no acto de benvida aos novos científicos, que suman máis de 91 tras seis edicións do programa
Nove estudantes proceden da USC, cinco da UVigo e un da UDC e, de todos eles, 12 realizarán a súa tese en empresas e os tres restantes en centros tecnolóxicos
As principais áreas de coñecemento nas que centrarán as súas investigacións son bioloxía, farmacia, medicina, enxeñaría, física, dixitalización ou química
O 60% dos doutorandos que realizan a tese en empresas manteñen a súa vinculación laboral unha vez finalizada e no caso dos centros tecnolóxicos, un 83%
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia celebrou hoxe o acto de benvida á nova promoción de 15 investigadores do programa Doutoramentos Industriais, que chega á súa sexta edición cun total de 91 investigadores apoiados. “O obxectivo é que realicen a súa tese doutoral en empresas e centros tecnolóxicos galegos para promover a transferencia de coñecemento”, sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a clausura deste encontro.
O titular de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, afirmou que esta iniciativa é unha ferramenta “estratéxica para conectar o mundo académico co tecido produtivo e, así, achegar respostas a problemas reais, contribuíndo á competitividade e á modernización de Galicia”. Neste senso, afirmou que o programa “é capaz de captar talento, crear emprego e impulsar a transferencia de coñecemento desde as universidades, que en gran medida son o nexo entre a investigación e a innovación”.
O conselleiro destacou tamén o talento científico dos investigadores predoutorais e agradeceu a colaboración das empresas, os centros tecnolóxicos e as universidades por facer posible Doutoramentos Industriais, un dos emblemas da aposta decidida da Xunta pola I+G+i como parte da Galicia Calidade. Resaltou, ademais, que o 60% dos doutorandos que realizan a tese en empresas conseguen manter a súa vinculación laboral unha vez finalizada e, no caso dos centros tecnolóxicos, un 83%.
2,6 M€ nesta sexta convocatoria
O conselleiro coñeceu aos 15 investigadores desta promoción e aos seus titores, así como aos representantes das empresas e os centros tecnolóxicos que os contratan para a realización dos seus proxectos ata 2029. Concretamente, 12 doutorandos levarán a cabo a tese en empresas e outros tres en centros tecnolóxicos. Dos participantes, nove estudantes son da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cinco da Universidade de Vigo (UVigo) e un da Universidade da Coruña (UDC). Ao longo do tempo, levan xa colaborado con esta iniciativa un total de 59 empresas e 6 centros tecnolóxicos do conxunto da nosa Comunidade, sendo 52 alumnos da USC, 25 de UVigo e 14 da UDC.
Bioloxía, farmacia, medicina, enxeñaría, física, dixitalización ou química son as áreas de coñecemento nas que se concentran as teses doutorais desta edición.
Os doutorandos desta promoción e os lugares nos que están realizando a tese son:
|
Persoa doutoranda |
Universidade |
Entidade beneficiaria |
Concello da entidade |
|
Alejandro Millán Olveira |
USC |
Ventilatio Lab |
Santiago de Compostela |
|
Daniel Grandal González |
USC |
FabRx |
Santiago de Compostela |
|
Elisa Marín Jerez |
USC |
VivoArchitect Ibérica |
Santiago de Compostela |
|
Guillermo Rubiños Rodríguez |
USC |
ITG |
A Coruña |
|
Iria Martínez Sambade |
USC |
Sinergias Sostenibles Resiforest |
A Coruña |
|
Mario Bernabeu Aracil |
USC |
Fujitsu Research of Europe |
Santiago de Compostela |
|
Melania Fandiño Rodríguez |
USC |
Galaria |
Santiago de Compostela |
|
Sheila González Barcia |
USC |
Labaqua |
Santiago de Compostela |
|
Silvana Fernández Pérez |
USC |
Fujitsu Research of Europe |
Santiago de Compostela |
|
Pablo Montesino Fernández |
UVigo |
Energio Advance |
Vigo |
|
Anxo Nogueira Dabarca |
UVigo |
Sortcell Analytica |
Vigo |
|
Guillermo Manuel Hermoso López |
UVigo |
Gradiant |
Vigo |
|
Miguel Santos Costa |
UVigo |
CEO2 Green |
O Porriño |
|
Jonathan S. Castaño Serna |
UVigo |
Agricultura4Data |
Cambados |
|
Amanda Martí Coll |
UDC |
ITG |
A Coruña |
Da universidade ao mercado
Ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, os Doutoramentos Industriais tamén promoven a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomentan a realización de proxectos de investigación industrial en empresas. Estimula, así mesmo, a incorporación do persoal doutor nestas entidades unha vez que remata a axuda, dándolle continuidade á bolsa da Xunta.
Os proxectos de investigación das teses buscan resolver as necesidades e retos da empresa ou centro tecnolóxico receptor. As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto tanto na universidade como na empresa, ao tempo que ofrecen apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.
O programa de Doutoramentos Industriais enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade no ámbito da I+D+i e trata de posicionar a Galicia como unha rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Este programa súmase ás iniciativas do Goberno autonómico de captación de talento como Oportunius, Ignicia, as liñas de apoio ás etapas predoutoral, posdoutoral e aos grupos de investigación ou a Fundación Galtia.