Galicia será en 2027 o epicentro da sostibilidade turística europea coa asamblea de NECSTouR
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia segue avanzando, xunto co resto dos socios europeos de NECSTouR, na preparación da próxima Asemblea Xeral anual da rede, que se celebrará en Santiago de Compostela en 2027, coincidindo co Xacobeo.
Turismo de Galicia participou estes días no NECSTouR Summit 2026, que tivo lugar os días 22 e 23 de outubro na cidade finlandesa de Kotka. Este encontro constitúe un espazo de traballo e coordinación entre as rexións europeas para abordar os retos do turismo sostible e avanzar nos preparativos da próxima cita anual en Galicia.
Esta participación enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia para impulsar un modelo turístico sostible e competitivo, que contribúa á conservación do patrimonio, á protección da identidade do territorio e á distribución dos beneficios da actividade turística por toda a comunidade.
A celebración da próxima asemblea en Santiago de Compostela constituirá unha oportunidade para reforzar a presenza de Galicia nos espazos europeos de cooperación turística e para compartir co resto das rexións as experiencias desenvolvidas no territorio en materia de sustentabilidade e xestión dos fluxos de visitantes.
Neste contexto, a Xunta continúa avanzando no desenvolvemento de ferramentas que permitan coñecer mellor a realidade turística de Galicia. Entre estas iniciativas destacan a instalación de sensores en distintos puntos das rutas xacobeas, que permiten obter información sobre o tránsito de peregrinos, e os traballos para a posta en marcha do Observatorio de Sostibilidade Turística de Galicia, destinado a ofrecer información sobre a evolución do sector.
Cooperación en Europa polo turismo sostible
NECSTouR é unha rede europea de rexións e organizacións vinculadas ao turismo que promove a cooperación para avanzar cara a destinos máis sostibles e competitivos. A participación de Galicia facilita o intercambio de coñecemento e experiencias con outros territorios europeos e contribúe a reforzar o posicionamento da comunidade no ámbito do turismo responsable.
A Xunta continúa así cos traballos preparatorios para que Santiago de Compostela acolla a próxima Asemblea Xeral de NECSTouR no marco do Xacobeo 2027.