No marco dun acordo asinado esta mañá
A Xunta apoia a recuperación da área recreativa do río Liñares para ampliar a oferta turística da Estrada
As actuacións permitirán mellorar os accesos e a mobilidade, crear un paseo fluvial, renovar os servizos, habilitar un espazo para actividades sociais e culturais e recuperar a edificación existente para destinala a uso público
A Estrada (Pontevedra), 6 de novembro de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou esta mañá co alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, un convenio de colaboración para a recuperación da área recreativa da praia fluvial do río Liñares e a reforma da edificación existente para destinala a uso público.
Esta actuación permitirá impulsar os servizos turísticos da Estrada e recuperar un espazo singular vinculado ao medio fluvial, situado nunha contorna natural próxima ao núcleo urbano. Ademais, mellorará as condicións actuais, favorecendo un uso máis cómodo e accesible, tanto para os veciños como para os visitantes.
O proxecto contempla actuacións destinadas á renovación e modernización da área recreativa, coa renovación do valado exterior e a creación dunha beirarrúa na fronte do recinto, así como o acondicionamento das vías existentes e das condicións de accesibilidade mediante a remodelación dos accesos. A intervención inclúe, ademais, novas instalacións de electricidade, abastecemento, saneamento e alumeado.
Tamén destaca a creación de novos camiños peonís e dun paseo fluvial mediante unha pasarela de madeira elevada, así como a ampliación e mellora da área de praia natural e das zonas destinadas a solario, con novos espazos para a estancia dos bañistas. Tamén actuarase sobre a vexetación da contorna, favorecendo a conservación das especies autóctonas e a eliminación das invasoras.
Ademais, permitirá renovar os servizos destinados aos usuarios da praia, coa incorporación de vestiarios, duchas e aseos accesibles. Neste contexto, crearase un espazo aberto destinado a actividades sociais e culturais, que contará cun elemento central polivalente que poderá funcionar como escenario.