A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, firmou hoxe co alcalde, Daniel Vega este convenio ao abeiro do Plan Hurbe

Xunta e Concello de Ribadeo asinan o acordo para a mellora da avenida de Galicia e Os Galos, cun investimento de máis de 92.000 euros

A través desta actuación executaranse traballos de pavimentación nestes viarios urbanos para mellorar o firme

A Xunta asume o 70% do orzamento, preto de 65.000 euros, contratará e executará as obras

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026

A Xunta e o Concello de Ribadeo asinan o convenio de colaboración para abordar a mellora da avenida de Galicia e Os Galos, que supón un investimento de máis de 92.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou hoxe co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, este acordo ao abeiro do Plan Hurbe.

Os traballos que se executarán consistirán na renovación do pavimento destas zonas urbanas de gran intensidade de tráfico. O obxectivo principal é mellorar as características superficiais do firme actual mediante o fresado, a limpeza e o estendido de aglomerado en quente.

A través do convenio, a Xunta financiará o 70% do orzamento desta intervención, preto de 65.000 euros, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Ribadeo asumirá o 30% restante do custe das obras, case 28.000€, e incorporará ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2026