No marco dos contactos que mantén Turismo de Galicia co sector para mellorar aspectos normativos e organizativos dos establecementos da comunidade

A Xunta e a Asociación Galega de Cámpings estudan propostas para a actualización da normativa turística deste segmento aloxativo

Na xuntanza abordáronse aspectos relacionados coas modalidades desta tipoloxía de establecementos e coas necesidades funcionais das instalacións

O número de viaxeiros aloxados en campamentos incrementouse en Galicia o pasado mes de setembro o 36,4% e o de noites en máis do 80%

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado do director de Competitividade, Iván Meléndez, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Asociación Galega de Cámpings, Manuel Ochoa, e membros da xunta directiva da entidade, co obxectivo de estudar propostas de actualización da normativa de campamentos turísticos.

O obxectivo da xuntanza foi coñecer de man dos empresarios as súas impresións e as particularidades dunha actividade que está a rexistrar un notable crecemento neste ano. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no mes de setembro  os campamentos turísticos galegos rexistraron 48.878 viaxeiros, un 36,4% máis que no mesmo mes do ano anterior, e 165.491 noites, isto é, un incremento do 81,6%. A estadía media situouse nas 3,39 noites, o que supón unha suba do 33,2%.

Entre xaneiro e setembro, o sector contabilizou 398.565 viaxeiros, un 2,4% máis que no mesmo período de 2025, e 1,5 millóns de noites, un 20,3% máis que no mesmo período do ano anterior. A estadía media alcanzou as 3,85 noites, cun incremento do 17,4%.

Estas cifras poñen de manifesto a evolución da actividade dos campamentos turísticos en Galicia e a súa capacidade para atraer visitantes e favorecer estadías máis prolongadas no destino, reforzando o seu papel como desestacionalizador do turismo.

Durante a reunión abordáronse diferentes aspectos relativos á realidade actual dos establecementos, ás novas modalidades de aloxamento, ás necesidades funcionais das instalacións e tamén a delimitación das categorías actuais.

A xuntanza enmárcase na liña de traballo de Turismo de Galicia cos distintos axentes do sector turístico de Galicia de cara a mellorar aspectos normativos e corporativos así como organizativos de cada un dos segmentos de aloxamento turístico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2026