O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, participou na primeira xornada do Pleno do Consello de Comunidades Galegas liderando o relatorio sobre o retorno

A Xunta aposta por reforzar o acompañamento integral e áxil ás persoas galegas retornadas a prol do crecemento socioeconómico de Galicia

González analiza as liñas de traballo para facilitar un retorno con oportunidades reais de emprego, emprendemento, vivenda, formación e participación social ao abeiro da Estratexia Galicia Retorna, así como dos obxectivos para a próxima folla de ruta

Subliña que neste labor é clave a escoita das persoas retornadas e axentes implicados como a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para configurar medidas que atendan á realidade neste ámbito e consolidar as xa existentes

Salienta a eficacia de accións para a atracción de talento como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior —BEME— ou o programa Retorna Cualifica Emprego e as feiras de emprego, entre elas, as celebradas en xuño no Brasil

Río de Xaneiro (Brasil), 12 de novembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avoga por reforzar o acompañamento integral e áxil ás persoas galegas retornadas do exterior a prol do crecemento socioeconómico da comunidade galega ao abeiro da nova Estratexia Galicia Retorna. Así o sinalou en Río de Xaneiro durante unha intervención na primeira xornada do Pleno do Consello de Comunidades Galegas, presidida polo xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, e onde tamén estivo o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Alí, José González liderou o relatorio sobre o retorno no que analizou as liñas de traballo autonómicas para facilitar un regreso con oportunidades reais de emprego, emprendemento, vivenda, formación e participación social. Neste sentido, lembrou que o actual período da Estratexia Galicia Retorna está na súa fase final e que se está a traballar para configurar unha nova folla de ruta máis fortalecida e capaz de crear as condicións necesarias para que as persoas retornadas poidan desenvolver e consolidar en Galicia o seu proxecto de vida e, ao mesmo tempo, para atraer o talento retornado como activo para o desenvolvemento socioeconómico.

Neste labor, subliñou, é fundamental a escoita das persoas retornadas e axentes implicados como a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para configurar medidas que atendan á realidade neste ámbito e consolidar as xa existentes. Deste xeito, expuxo, contribúen á eficacia dos resultados das accións que abarca a Estratexia Galicia Retorna.

Entre elas, salientou as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior —BEME—, que van pola décima edición, e o programa Retorna Cualifica Emprego, enfocado a cubrir vacantes das empresas galegas ofrecendo ás persoas galegas do exterior unha vía de regreso ligada a unha oportunidade profesional concreta. Neste eido, aludiu ás feiras de emprego como as celebradas en xuño no Brasil — en São Paulo e Salvador de Bahía— ou as do ano pasado na Arxentina e o Uruguai.

Outra ferramenta destacada é a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, con sedes na Coruña, Santiago Lugo, Ourense e Vigo, e a Oficina Móbil, que garante atención nas zonas rurais. A súa función principal é o asesoramento social, laboral e técnico, tanto antes como despois do retorno.

Trátase de iniciativas, explicou José González, recollidas na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 elaborada da man da comunidade galega do exterior a través do Consello de Comunidades Galegas, o máximo órgano de representación e participación da Galicia exterior, composta de máis de 563.000 galegas e galegos.

Aspectos clave para a nova etapa

De cara a nova etapa da Estratexia Galicia Retorna, José González, destacou que é clave actualizar o marco normativo para adaptalo á realidade actual do retorno. Tamén a adopción de medidas a nivel nacional en cuestións que inflúen no retorno como a homologación de títulos universitarios.  

Esta experiencia no ámbito do retorno, engadiu o conselleiro, complementarase co traballo de captación do talento da poboación de terceiros países, ámbito no que Galicia asumiu as competencias das autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras, transferencia que se fará efectiva en marzo de 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2026