López Campos convida a coñecer as novas propostas coas que o Museo de Belas Artes “enriquece o noso universo cultural”
Desde hoxe poden contemplarse catro pinturas e dous debuxos de Prego de Oliver que a familia presta para a súa exhibición no espazo coruñés durante cinco anos
Ademais, ata febreiro conta con dous óleos de Anglada Camarasa, cedidos pola Fundación La Caixa, que dialogan con cadros da colección permanente no ciclo Convidadas
O conselleiro de Cultura incide na “calidade dos proxectos” que acolle este equipamento, poñéndoo tamén en valor “como centro receptor para a salvagarda e difusión da nosa arte”
Agradece a colaboración de persoas e entidades para “facer de Belas Artes un punto de encontro para o coñecemento cultural da cidadanía”
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o Museo de Belas Artes da Coruña pola “calidade dos seus proxectos” resaltando a súa importancia como centro “para a salvagarda e difusión da nosa arte”. Fíxoo despois de asinar un comodato polo que a familia do pintor ourensán Manuel Prego de Oliver presta para a súa exhibición neste espazo seis pezas do artista e tras visitar a nova mostra enmarcada no ciclo Convidadas, que trae ás súas salas dous óleos do catalán Anglada Camarasa.
Así, o representante da Xunta, que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, convidou a coñecer estas novas propostas coas que, destacou, o museo coruñés, xestionado polo Goberno galego, “enriquece o noso universo cultural” situando este equipamento como “punto de encontro para o coñecemento da cidadanía”. A isto contribúe en boa medida, incidiu o conselleiro, a colaboración tanto de entidades como de persoas a nivel individual “ás que hai que agradecer a súa implicación para ofrecer ao público iniciativas como as que hoxe poñemos en marcha”.
Neste senso, López Campos referiuse ao acordo co que a familia de Prego de Oliver permite incorporar á colección do Museo de Belas Artes catro pinturas e dous debuxos da segunda metade do século XX do artista ourensán durante cinco anos prorrogables. As pezas xa se poden contemplar neste espazo, complementando a pluralidade de propostas da arte galega da posguerra e achegando a observación do cotiá e o realismo de carácter etnográfico.
Cómpre lembrar que Manuel Prego de Oliver ocupa un lugar destacado na pintura galega do século XX, especialmente pola súa contribución á paisaxe e á representación dunha Galicia rural, austera e profundamente humanizada. As obras obxecto do comodato son os óleos Froitas na sombra, Muller con saco e Paisaxe, a monotipia Mendigo descansando e as tintas Mendigo e Vella con bastón.
Un ciclo en pequeno formato
Por outra banda, o conselleiro de Cultura tamén fixo fincapé na colaboración de institucións como a Fundación La Caixa, que cedeu dúas pinturas do artista catalán Anglada Camarasa no marco do ciclo Convidadas, unha iniciativa en pequeno formato, explicou, “que nos permite traer obras doutras coleccións que dialogan durante un tempo coas pezas dos artistas que salvagarda o museo de maneira permanente”.
Deste xeito, vencéllanse os pintores galegos cos artistas doutros ámbitos e rexións, como é o caso de Hermen Anglada Camarasa, que se pon en relación coa obra de Germán Taibo, Francisco Lloréns e Fernando Álvarez de Sotomayor, entre outros. Neste caso concreto, as obras de Camarasa tamén van dialogar con pezas de Joaquín Sorolla e Ignacio Zuloaga permitindo ter unha visión completa das influencias recibidas polos artistas galegos do movemento rexionalista.
A proposta Convidadas. Anglada Carmarasa entre o moderno e o popular poderá visitarse ata o 28 de febreiro do 2027, permitindo achegarse a unha figura destacada do modernismo, cunha linguaxe caracterizada pola forza da cor, o tratamento da luz, a pincelada libre e o carácter decorativo das súas composicións.