No marco do I Congreso de Turismo Rural da Comunidade de Madrid
A Xunta pon en valor en Madrid o modelo galego de turismo no medio rural como recurso estratéxico de desenvolvemento territorial
Xosé Merelles resaltou as principais liñas de traballo en materia de regulación, apoio aos establecementos, promoción e creación de produto turístico
A ocupación nos establecementos pertencentes a este segmento de aloxamento medrou un 12,4€ entre xaneiro e setembro
La Cabrera (Madrid), 13 de novembro de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no I Congreso de Turismo Rural da Comunidade de Madrid, un encontro no que se analizaron a situación actual deste segmento turístico, as súas perspectivas de futuro e o papel que desenvolve na diversificación da oferta e na actividade económica dos territorios.
O director de Turismo de Galicia abordou as principais liñas de traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia neste ámbito, tanto no que se refire á adaptación da normativa ás necesidades actuais dos establecementos como ás medidas de apoio ao sector, a promoción turística e a creación de novas experiencias vinculadas ao territorio.
O turismo rural forma parte da oferta de aloxamento de Galicia e está presente nos distintos xeodestinos da comunidade, vinculado aos recursos naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicos. A súa actividade contribúe tamén á distribución dos fluxos turísticos polo territorio e á xeración de actividade fóra dos períodos de maior demanda.
Os datos sitúan o turismo rural como o segmento de maior crecemento dentro da oferta de aloxamento en Galicia. Concretamente, esta modalidade rexistrou entre xaneiro e setembro deste ano, un incremento do 12,4% respecto ao mesmo período de 2025. Pola súa banda, as noites medraron un 10,4%.