Plans e programas anuais/plurianuais

Neste apartado recóllense os diferentes plans e programas anuais/plurianuais. Empregando as opcións de busca dispoñibles pódense filtrar por estado, departamentos e/ou área temática.

Ten dispoñibles para consulta 59 actuacións:

C. de Sanidade

Plan de Prioridades Sanitarias 2014-2016

O Plan de Prioridades Sanitarias 2014-2016 revisa e actualiza o anterior (con vixencia entre 2011 e 2014) e ten como obxectivo estratéxico diminuír a enfermidade e responder ao espírito de mellora continua do sistema. O Plan recolle 17 prioridades que inclúen 108 obxectivos, 248 accións de mellora e 344 indicadores deseñados para a súa monitorización e seguimento.

C. de Sanidade

Plan Xermola para a prevención da obesidade infantil en Galicia

O Plan Xermola ten por obxecto diminuír a prevalencia da obesidade na poboación infantil e xuvenil de Galicia (menores de 18 anos) nun prazo de 8 anos, mellorar o patrón alimentario e de actividade física da poboación infantil e xuvenil como principais determinantes actuais desta patoloxía e actuar sobre outros que vaia identificando a evidencia científica.

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017

O III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 incorpora un modelo de xestión orientado a resultados específicos en cada unha das liñas de actuación establecidas. Establece nove países prioritarios, Mozambique, Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador; e define sete sectores de especialización: agricultura, pesca e acuicultura, educación, recursos hídricos, habitabilidade, auga e saneamento, saúde xeral e saúde reprodutiva.

C. de Facenda e Administración Pública

Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais

Dotado cun orzamento de 8 millóns de euros, o Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais é un instrumento de apoio á planificación estratéxica desta área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións de máis de 1,6 millóns de galegos/as.

Consellería de Política Social e Igualdade

Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016 – Horizonte 2020

Este plan baséase na necesidade urxente e imprescindible de traballar en favor da revitalización demográfica, para garantir a sostibilidade demográfica, socioeconómica e sociocultural da Comunidade Autónoma de Galicia. O capital humano é o máis importante para un territorio, é o motor do desenvolvemento social e económico.

Consellería de Política Social e Igualdade

Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia - Horizonte 2020

A abordaxe desta estratexia constitúe unha importante responsabilidade social e política e o compromiso cun modelo sociosanitario e educativo mellor preparado para afrontar a prevención desde todos os ámbitos.

Consellería de Política Social e Igualdade

VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015

Están programadas 320 actuacións distribuídas en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.

C. do Mar

Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL)

CAMGAL establece as normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte ao litoral galego.

Consellería de Política Social e Igualdade

Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada 2012-2014

Como resultado dunha iniciativa lexislativa popular, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, explicitando a obriga de redactar este Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada.  O plan responde, así, ao obxectivo de artellar un abano de recursos, medidas e axudas públicas que aseguren protección e un clima favorable ás mulleres xestantes en Galicia.

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable

Galicia Saudable é un plan a través do cal se pretende crear as condicións para que todas as persoas da nosa comunidade poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde. Está impulsado pola Presidencia da Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, co respaldo científico e técnico de persoas expertas en actividade física.