Hospital Lucus Augusti é a denominación do futuro centro sanitario da capital luguesa

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presidiu esta mañá unha reunión con representantes de organismos e institucións luguesas na que acordou por unanimidade esta denominación

Pilar Farjas explicou que a acreditación como universitario abordarase na vindeira Comisión Mixta entre o Sergas e a USC e poderá incorporarse ao nome definitivo

A conselleira de Sanidade tamén destacou que o seu departamento está a cumprir os prazos do novo centro e que xa está licitado o 95% do equipamento
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 19 de xaneiro de 2010.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presidiu esta mañá unha xuntanza na que se decidiu, co acordo de todos os presentes, Lucus Augusti como nome do novo hospital desta cidade. En concreto, a opción de Lucus Augusti é a denominación que concitou máis acordo pois facilita a súa identificación pola totalidade da cidadanía, ademais vincúlase ao nome da cidade e da provincia, e fai referencia á orixe romana e á historia da cidade.

No encontro participaron a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e a xefa do departamento territorial da Consellería de Sanidade en Lugo, Purificación Rivas; así como os xerentes de Atención Primaria, José Benito Pardo, e do CH Xeral-Calde, Francisco José Vilanova. Tamén estiveron presentes representantes municipais do Concello de Lugo; representantes da Deputación Provincial de Lugo; dos colexios oficiais de Médicos, de Farmacéuticos, e de Diplomados de Enfermería; e da Federación da Asociación de Veciños.

Ademais, a conselleira de Sanidade explicou que para a designación dos tres bloques de hospitalización que conforman o novo hospital empregaranse os nomes de profesionais claramente significativos como Faustino Vilar, en recoñecemento de todo o persoal de enfermería e matronas; José Goyanes Capdevila, nado en Monforte, e que representará a todos profesionais sanitario da provincia, así como da vertente investigadora e técnica da profesión médica. Outro dos bloques de hospitalización levará o nome en memoria de Rafael de Vega Barrera, un profesional médico de grande recoñecemento e recoñecido prestixio na cidade de Lugo.

Pilar Farjas Abadía tamén destacou o compromiso xa manifestado de que se incorpore a denominación de universitario pois é unha demanda que responde perfectamente á capacidade formativa e investigadora dos profesionais e deste centro sanitario. Nesta liña, a conselleira de Sanidade salientou que na próxima Comisión Mixta entre o Sergas e a USC abordarase esta proposta de adscrición deste hospital ao campus universitario compostelán, e posteriormente a acreditación do mesmo como Hospital Universitario.

A titular da carteira sanitaria galega invitou o pasado mes de xuño á sociedade lucense en xeral (organizacións sectoriais, sindicais, asociacións de veciños e demais sectores sociais da cidade), para que fixeran propostas coa fin de poñer nome ao que será o novo hospital de Lugo. Pilar Farjas Abadía felicitou a grande acollida desta iniciativa, cunha alta participación por parte das principais institucións e organismos da cidade de Lugo, así como pola implicación dos colectivos de profesionais e sociais da cidade e da provincia de Lugo.

Prazos cumpridos
Pilar Farjas Abadía destacou que a Consellería de Sanidade está a cumprir escrupulosamente cos prazos de licitación do novo hospital de Lugo, e coa previsión de iniciar o traslado a finais de verán.

Neste momento está licitado máis do 95% do equipamento total do futuro centro e tamén quedaron licitadas a finais de ano as dúas obras complementarias de cociña e gardería. Farjas Abadía destacou así mesmo que está pendente por parte do Concello de Lugo da subestación eléctrica, que abastecerá ao hospital, para poder iniciar as probas que precisarán aproximadamente catro meses.

Así mesmo, a conselleira de Sanidade destacou que a administración sanitaria continúa a traballar coa Deputación Provincial de Lugo para o traslado de todos os doentes do Hospital San Xosé e do Hospital San Rafael. Tamén destacou Farjas Abadía como prioridade a integración para que todos os profesionais destes centros se incorporen seguindo criterios do Servizo Galego de Saúde. A definición de posibles usos para estes centros da Deputación Provincial de Lugo conforma a terceira liña de traballo, na que a Xunta de Galicia ofreceu a súa colaboración.


 

Declaracións da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas