Feijóo: “Vigo nunca se pecha para ser máis pequeno; ábrese para medrar”

O titular da Xunta presidiu a presentación do libro ‘Por todos os mares do mundo. O prodixio da pesca en Vigo’

Salienta que esta obra supón un recoñecemento ás xentes do mar de Vigo, e remarca que recolle un prodixio: “un prodixio feito por homes que loitaron contra todas as adversidades coa forza da súa unión”

Remarca que esa receita de entendemento “deu a Vigo bos resultados, e ten que seguir dándoos”

“Para atopar exemplos de cooperación, de unidade, de universalismo, Galicia, España e Europa teñen que mirar cara a Vigo”, sinalou
 

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 18 de febreiro de 2010.- “Vigo nunca se pecha para ser máis pequeno; ábrese para medrar”. Así o manifestou o presidente da Xunta na presentación do libro Por todos os mares do mundo. O prodixio da pesca en Vigo, onde asegurou que non é doado “atopar na historia mariñeira, empresarial, financeira, cultural e mesmo política desta cidade, ese espírito illacionista que levou a países e metrópoles importantes á súa decadencia”.

Núñez Feijóo salientou que este libro, obra de Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez, supón un recoñecemento para as xentes do mar de Vigo e os seus arredores. “Certamente hai tempo xa que os vigueses foron capaces de albiscar, antes que ninguén, a Galicia do futuro”, abondou o presidente galego, “Vigo converteuse no limiar dunha galeguidade nova que deixa de estar á defensiva, pois os pobos non superan as dificultades erguendo valados”. Neste sentido, Feijóo asegurou que Vigo “nunca os puxo”, e por iso, “segue servindo de proa a esta Galicia de mariñeiros que é de todos, e que compre facernos entre todos”.

Así, o titular da Xunta destacou que no porto de Vigo se deu un claro exemplo de que a unión fai a forza “e que esta pode chegar mesmo a levar a un nome a acadar carácter mundial”. “A xuntanza de sinerxias entre confraría e cooperativa de armadores conseguiu ese logro”, engadiu Núñez Feijóo, quen citou a Augusto Comte para sinalar que esta xuntanza de ánimos veu ligada por un elemento común: “só os bos sentimentos poden unir ás persoas, xa que o interese xamais ten forxado unións duradeiras”.

“O mar de Vigo ten amosado que había e hai bos sentimentos e que o entendemento estaba e está fundamentado neles”, destacou Feijóo, quen remarcou que aquela receita de entendemento “deu a Vigo bos resultados, e ten que seguir dándoos”.

“Porque ao fin, neste fermoso libro fálase dun prodixio; dun prodixio feito por homes que loitaron contra todas as adversidades coa forza da súa unión”, afirmou o presidente galego, quen lembrou as palabras de Curros Enríquez: “todo para ser grande e forte, se une, xunta e reconchega”. “É un belo poema que o Vigo mariñeiro fixo realidade coa súa xente e as súas empresas”, asegurou. “Para atopar exemplos de cooperación, de unidade, de universalismo, Galicia, España e Europa teñen que mirar cara a Vigo”, engadiu. “Esta fermosa obra que hoxe presentamos é unha lembranza das concordias que deron vida a este gran pobo que é Vigo e que é Galicia”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas