Subliña que se investirán máis de “130 millóns de euros” nos preto de “19 quilómetros” que terá a vía de alta capacidade
Indica que a vía responde ó intento de “fusionar Galicia” para acadar unha terra “soñada polos nosos antepasados”
Apunta que “a unidade financeira de Galicia é fundamental nunha época de dificultade económica”, recordando que “o que impedía por a funcionar de novo este proxecto eran xustamente as dificultades financeiras”
Destaca, tamén, o papel que terá o tren de alta velocidade, que unirá “Ourense con Santiago en 22 minutos”, e “todas as capitais da comunidade autónoma en tempos de 20 minutos”
Celanova (Ourense), 8 de maio de 2010.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou, no acto de inicio das obras da autovía AG-31, Autovía das Rías Baixas-Celanova, que a nova vía de alta capacidade permitirá unir Celanova coa capital da provincia en só quince minutos. “Quince minutos; ese é o obxectivo. Quince minutos Celanova-Ourense. Quince minutos que explican por si sos a transcendencia desta obra. Un cuarto de hora en chegar desde aquí á capital da provincia implica que xa non existen os problemas de vertebración do territorio”, subliñou.
Para acadar este obxectivo, investiranse máis de “130 millóns de euros” en preto de “19 quilómetros cheos de oportunidades”. Unha inversión que, como sinalou Feijóo, prodúcese “nun momento de extraordinaria contracción no mercado financeiro”, motivo polo cal o presidente galego quixo “agradecer ás empresas o seu arriscado esforzo, dado que o prezo que cobrarán será en función do tráfico que capten estas infraestruturas”.
O titular da Xunta indicou, tamén, que esta vía responde ó intento de “fusionar Galicia”, para acadar unha terra “soñada polos nosos antepasados”. “Unha Galicia unida -incidiu-, unha Galicia vertebrada, unha Galicia fusionada. Se pode facer, e empeñarei toda a miña presidencia en iniciar esa conquista, que é de todos os galegos con independencia das súas ideoloxías, de a quen voten ou a quen poñan ou saquen de presidente da Xunta”.
Así, Núñez Feijóo apuntou que unha comunidade “de menos de tres millóns de habitantes” non pode estar “dividida nin subdividida”, sinalando a obriga dos seus habitantes de “mirarse entre eles para facer unha Galicia máis forte”.
A unidade financeira e territorial
Para ilo, lembrou Feijóo, “a unidade financeira de Galicia é fundamental nunha época de dificultade económica”, recordando que “o que impedía por a funcionar de novo este proxecto eran xustamente as dificultades financeiras”.
“Máis que nunca necesitamos entre todos conquerir esa ambición colectiva de ter unha gran entidade de aforros galega; unha gran entidade que de depósito e, sobre todo, expectativas, a todos os sectores estratéxicos da nosa economía, e que o aforro dos traballadores, das familias, e das empresas, se dediquen fundamentalmente ao tecido económico e produtivo de Galicia”, explicou.
Así mesmo, e dentro sa unidade, Feijóo quixo subliñar, tamén, o papel que terá o tren de alta velocidade, que unirá “Ourense e Santiago en 22 minutos”, “unha locomotora que entrará en Galicia enlazando todas as capitais da comunidade autónoma en tempos de 20 minutos”.
Un traballo de todos
Por último, o titular do Goberno galego, quixo agradecer o traballo feito polos presidentes que o “precederon e que tomaron a decisión de facer esta gran infraestrutura” para que “agora exista a sorte de que sexa unha realidade”.
Así, e tras amosar a súa satisfacción por ter a ocasión “de convencer” aos seus compañeiros “no ano 2003 de que Ourense non podía quedar ao marxe das infraestruturas do Plan Galicia, presentando o “estudo informativo ao pobo de Celanova no 2004”, Núñez Feijóo emprazou aos asistentes a volver “dentro de dous anos”. “Espero e desexo que dentro de dous anos nos volvamos a reunir para festexar unha ambición colectiva, que é unir a terra da Baixa Limia, as terras de Celanova, con Portugal e coa capital da provincia. Quince minutos é o futuro. Un cuarto de hora de conexión coa capital da provincia é o obxectivo. Unha nova autovía que chegará ata aquí onde o mundo se chama Celanova”, concluíu.