Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Roberto Varela presenta o concerto de Jean Michel Jarre no Obradoiro como unha “actuación en directo dun dos mellores artistas do panorama musical dos últimos 35 anos”

O conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que o concerto de Jarre o vindeiro 31 de xullo acadará “unha conexión única entre a cidade, a música e a arte na Praza do Obradoiro, un dos lugares máis emblemáticos do mundo”

A actuación do artista francés no Camiño da Música do Xacobeo 2010 é o único espectáculo que ofrecerá en España dentro da xira europea que está levando a cabo durante este ano. A entrada ao concerto será gratuíta
 

  • Roberto Varela e Ignacio Santos con Jean Michel Jarre
    Autor: Conchi Paz
  • Roberto Varela e Ignacio Santos con Jean Michel Jarre
    Autor: Conchi Paz
  • Roberto Varela e Ignacio Santos con Jean Michel Jarre
    Autor: Conchi Paz
  • Roberto Varela e Jean Michel Jarre na rolda de prensa
    Autor: Conchi Paz

Santiago, 30 de xuño de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe en Santiago xunto ao músico e compositor, Jean Michel Jarre, o concerto que o artista francés ofrecerá o próximo 31 de xullo na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Roberto Varela asegurou que “o Obradoiro se encherá para gozar da actuación en directo dun dos mellores artistas do panorama musical dos últimos 35 anos”. A actuación de Jarre, incluída no Camiño da Música, da programación de Xacobeo 2010, é o único espectáculo que o artista ofrecerá en España dentro da xira europea que está a levar a cabo durante este ano; a entrada ao concerto será gratuíta. Na rolda de prensa, o conselleiro de Cultura e Turismo estivo acompañado polo director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos.

Roberto Varela e Jean Michel Jarre realizaron unha visita in situ á Praza do Obradoiro, o mesmo escenario no que terá lugar o seu concerto o vindeiro 31 de xullo. Para o conselleiro, o evento será “un magnífico espectáculo no que se integran perfectamente a música cos últimos avances en tecnoloxía de son, luces e efectos visuais” e destacou de Jarre e da súa longa carreira “a transcendencia e a magnitude dos seus concertos-espectáculo que sempre congregaron a grandes masas de seguidores”.

Roberto Varela lembrou o éxito obtido por Jean Michel Jarre na súa primeira visita a Galicia “en 1993, tamén en ano Xacobeo, nun concerto multitudinario no Monte do Gozo” e asegurou que neste Xacobeo 2010, o músico francés “poderá engadir á súa lista de éxitos outro concerto nun dos lugares máis emblemáticos do mundo, a Praza do Obradoiro” onde acadará “unha conexión única entre a cidade, a música e a arte”.

Impecable currículo
Jean Michel Jarre alcanzou fama internacional no ano 1977, cando lanzou ao mercado o seu álbum Oxygene, do que chegou a vender máis de 18 millóns de copias a nivel mundial. O artista francés, un pioneiro no seu campo, contribuíu ao despegue da música electrónica. Na súa longa carreira, Jarre publicou albumes como Oxygene, Equinoxe, Magnetic Fields, Zoolook, Rendezvous ou Waiting for Costeau dos que vendeu 80 millóns de copias. As súas composicións influíron en artistas como Air, Daft Punk, Moby o The Chemical Brothers.

Jean Michel Jarre deseñou un novo xénero de concertos-espectáculo, levando a súa música a grandes espazos abertos. O seu obxectivo é sacar partido no entorno urbano u natural no que se celebran estes concertos que, dalgún xeito, convértense en acontecementos musicais e visuais. Estes lendarios concertos de Jarre teñen atraído a multitude de espectadores, chegando a entrar no Guiness dos Records. Algúns dos seus concertos son únicos, como o celebrado durante a visita do Papa Xoán Paulo II á cidade de Lyon, o concerto dos Doclands en Londres ou a celebración do Novo Milenio nas Pirámides de Gizeh.

A actuación de Jarre en Santiago de Compostela enmárcase no Camiño da Música da programación de Xacobeo 2010, un apartado no que se inclúen todo tipo de estilos e formatos musicais nunha variada oferta pensada para todos os públicos.