Xunta de Galicia

Hernández salienta que a Xunta non perderá un minuto na licitación da autovía da Costa da Morte e somete dende hoxe a información pública o novo estudo económico financeiro

O conselleiro de Medio Ambiente sinala que co novo prego e a nova licitación, a autovía queda blindada e garantida a súa execución nesta lexislatura

O novo prego de licitación incluirá a cláusula de baixa temeraria co obxectivo de facer viable a obra e a súa explotación e que non se produzan os mesmos problemas que os acontecidos co anterior Goberno

Lembrou que o bipartito aprobou un gasto para a autovía de mais de 900 millóns de euros e adxudicou as obras por menos de 500, é dicir, cunha baixa de mais do 50%, provocando que a empresa concesionaria fora incapaz de atopar financiamento para a súa execución
 

  • Agustín Hernández hoxe no Parlamento
    Autor: Ana Varela
  • Agustín Hernández hoxe no Parlamento
    Autor: Ana Varela
  • Agustín Hernández hoxe no Parlamento
    Autor: Ana Varela

Santiago, 11 de outubro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou esta mañá que a decisión tomada polo actual Goberno de non adxudicar a autovía Carballo-Berdoias, non conleva baixo ningún suposto renunciar á construción desta infraestrutura ‘vital e prioritaria’ para a Costa da Morte. De feito, e para demostrar esta aseveración, explicou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galecia saca a información pública o novo estudo económico-financeiro da infraestrutura co obxectivo de “non perder nin un minuto” no novo proceso de licitación, que será unha realidade no mes de decembro.

O responsable de Infraestruturas do Goberno galego compareceu esta mañá na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Pública, Medio Ambiente e Servizos, do Parlamento de Galicia, onde lle advertiu ao grupo socialista que pode utilizar todas as ferramentas, “como está a facer” para entorpecer a execución da autovía Carballo-Berdoias, para retrasala ata onde lles sexa posible. “Son libres de actuar de forma partidaria e irresponsable”, aclarou e solicitou aos alcaldes e a sociedade civil que manteña a súa confianza. Insistiu o conselleiro en que, grazas ao bo traballo da actual Xunta, farase realidade un compromiso, e “malia as intoxicacións, as medias verdades, as falsas imputacións e a irresponsabilidade de algúns, será unha realidade no vindeiro ano, co inicio das obras, e no 2013 estarán rematadas”.

Explicou que a decisión de renunciar á adxudicación e iniciar un novo proceso licitador está baseada no cambio de escenario orzamentario actual, que de seguir por esa senda, dificultaría o acceso ao financiamento da empresa adxudicataria. A través dunha nova licitación o Goberno galego aposta pola aplicación dunha nova fórmula que posibilite mellores condicións económicas que garantan a execución da obra. Neste senso, afirmou que baixo a premisa de axustar e rendibilizar os recursos dispoñibles a Xunta pretende aproveitar ao máximo as oportunidades da Lei de contratos, co único fin de optimizar os investimentos.

Melloras constatadas
No caso da autovía Carballo-Berdoias decidiuse incorporar unha serie de melloras no novo expediente de contratación que implicarán unha redución de prazos de execución (3 meses) e concesional (5 anos) e ao cambio do sistema de contraprestación (do canon de dispoñibilidade ao canon en función da calidade do servizo). Cualificou a decisión de realista, responsable e coherente, e engadiu que un dos cambios fundamentais –respecto do proxecto do Goberno bipartito- é que este novo vial nace como autovía “dende principio a fin”; mentres que o Executivo anterior ía a construír esta infraestrutura como autovía dende Carballo ata Baio e o tramo Baio-Berdoias como estrada convencional.

Nova licitación
O conselleiro explicou que o departamento que dirixe procederá de inmediato a reiniciar o proceso de licitación, que terá lugar antes de que remate o ano. O primeiro paso, confirmado hoxe, é o sometemento a información pública do novo estudo económico-financeiro da infraestrutura.

Tamén destacou que o novo prego de licitación incluirá a cláusula de baixa temeraria co obxectivo de facer viable a obra e a súa explotación e que non se produzan os mesmos problemas que os acontecidos co anterior Goberno, que aprobou un gasto para a autovía de mais de 900 millóns de euros e adxudicou as obras por menos de 500, é dicir, cunha baixa de mais do 50%, provocando que a empresa concesionaria fora incapaz de atopar financiamento para a súa execución.

En definitiva o cronograma previsto para a execución desta importante infraestrutura sería:

 

Nova licitación
Decembro de 2010
Adxudicación
2º trimestre 2011
Inicio das obras
3º trimestre 2011
Remate das obras
Ano 2013

Hernández recordou que conforme ao programa definido no que se fundamenta a nova adxudicación, lógrase un aforro de case 300 millóns de euros na concesión.

Cabe destacar que a Xunta xa dispón do proxecto construtivo e da totalidade dos terreos afectados polas obras, equivalentes a 2.099 fincas e 3,5 millóns de metros cadrados, polo que, unha vez adxudicado o contrato, as obras poderán comezar de xeito inmediato.

Un problema “agochado” polo bipartito
Confesou que a primeira vez que o actual equipo responsable das infraestruturas tivo coñecemento da situación da autovía da Costa da Morte foi cando a empresa adxudicataria do bipartito solicitou a terceira prórroga para presentar o Plan Económico e Financeiro. Sen dúbida este era o problema de maior envergadura dos existentes naquel momento na Consellería, “pero o anterior goberno agochou este problema nun caixón e non informou do mesmo aos responsables do novo executivo”.

Lamentou que o bipartito non fora capaz de sacar adiante este proxecto en catro anos, a pesar de que no ano 2005 o Goberno entrante contaba cun proxecto coa tramitación completa do expediente, e co anteproxecto redactado para todos os tramos entre Carballo e Cee. Tras o rexeitamento deste proxecto en decembro de 2006, un ano e cinco meses despois de que o bipartito tomara posesión, procedeuse á redacción dun novo anteproxecto para o treito Carballo-Bedoias, mantendo en estudo informativo o tramo Berdoias-Cee. En xullo de 2007 licitase a concesión para a construción da vía de alta capacidade Carballo-Berdoias e mentres o tramo Berdoias-Cee continua en estudo informativo. Hernández resaltou que, deste xeito, perdéronse dous anos nos que se podía ter avanzado de xeito importante na execución da autovía.

Posteriormente, suspéndese a redacción do estudo informativo de Berdoias-Cee, unha suspensión que se mantería durante ano e medio, ata que en xuño de 2009 o actual Goberno decide retomar os traballos. Por outro lado, en abril de 2008 adxudicouse o contrato da vía de alta capacidade Carballo-Berdoias, case tres anos despois de anular a tramitación feita polo anterior Goberno.

O conselleiro reiterou no Parlamento que as previsión dos Goberno anterior non consistían en executar unha autovía entre Carballo e Berdoias, senón só 27 quilómetros ou o que é o mesmo un 60% (tramo entre Carballo e Baio), posto que o itinerario restante se mantiña como un corredor dunha única calzada (uns 17 quilómetros entre Baio e Berdoias).

No mes de outubro de 2008, seis meses despois da adxudicación, a empresa concesionaria solicita a primeira prórroga para presentar o Plan Económico e Financeiro e dous meses despois –decembro de 2008- “nun acto que non pode máis que cualificarse de fraudulento”, procédese a colocación da primeira pedra, denunciou Hernández, maila que a empresa xa trasladara ao Goberno as dificultades para executar a obra.

Recordou que en febreiro de 2009 a empresa presenta unha segunda prórroga e dous meses despois, o 16 de abril, catro días antes da toma de posesión, a empresa solicita o reequilibrio concesional aludindo a problemas para o financiamento das obras.

Parálise bipartita
O conselleiro de Medio Ambiente afirmou que o Goberno actual non vai a paralizar ningunha actuación en marcha, “afirmación que o anterior Executivo non pode pronunciar”, xa que hai abundantes mostras de paralización de importantes infraestruturas e “sirva como primeiro exemplo a autovía Carballo-Berdoias, paralizada nada máis poñer a primeira pedra” ou o feito de que o actual goberno en pouco máis dun ano foi capaz de licitar e tramitar unha autovía completa para ese itinerario entre Carballo-Berdoiais, mentres que o anterior Goberno precisou case tres anos.

Outro tanto aconteceu coa Vía de Alta Capacidade da Costa Norte, manifestou, con tramos suspendidos durante a anterior lexislatura e hoxe recuperados cun cronograma de execución fixado. A variante de Noia tamén paralizada, ao igual que a VAC entre Tui e A Guarda, que o anterior Goberno a mantivo na absoluta indefinición durante os catro anos de mandato. O conselleiro concluíu que esas actuacións do pasado son mostras de verdadeiras paralizacións coas que este Goberno se atopou e que este mesmo Goberno reactivou, con orzamentos e prazos concretos.

 

  • whatsapp