Xunta de Galicia

O programa ‘Audiovisual nas aulas’ do Consorcio Audiovisual de Galicia recibe o Premio González Sinde da Academia de Cine Española

Este galardón, que tamén lle foi concedido ao Festival du Cinema Espagnol de Tolouse, recoñece o labor das persoas e institucións que empregan o medio cinematográfico para a consecución de labores sociais

‘Audiovisual nas Aulas’ conta coa colaboración da Consellería de Educación e ten como obxectivo que os alumnos estean en contacto coa linguaxe e os medios audiovisuais
 

Santiago, 7 de xuño de 2011.- O programa Audiovisual nas Aulas, do Consorcio Audiovisual de Galicia, vén de recibir o Premio González Sinde, que outorga a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España para recoñecer o labor das persoas e institucións que, valéndose do medio cinematográfico, emprégano para a consecución de labores sociais. Este galardón, que será entregado o próximo 30 de xuño, tamén lle foi concedido ao Festival du Cinema Espagnol de Tolouse, Cinespaña polo labor de difusión que fai da cinematografía española en Francia desde hai 15 anos.

Este programa do Consorcio Audiovisual de Galicia, organismo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, sendo o seu director-xerente, Anxo Quintanilla, conta coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Audiovisual nas Aulas foi creado no curso 2003 a partir dunha idea do profesor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández co obxectivo de dotar aos alumnos das ferramentas necesarias para dominar a linguaxe audiovisual. Ademais, esta iniciativa pioneira en España busca que a infancia estea en contacto coa linguaxe e os medios audiovisuais de xeito que contribúa ao obxectivo de “promover o pensamento crítico dos escolares galegos desde a alfabetización audiovisual e multimedia”.

Audiovisual nas Aulas, actualmente en proceso de reestruturación, funciona nos centros educativos da comunidade galega desde o curso 2003-2004 e nas súas seis convocatorias participaron 301 colexios. En total, cerca de 6.000 alumnos fixeron este programa audiovisual estruturado en cinco fases: iniciación ás novas tecnoloxías, á televisión, á animación, ao audiovisual e ao dobraxe e a lingua.

O Premio González Sinde, que leva o nome do primeiro presidente da Academia de Cine, concedéuselle na súa primeira convocatoria á Fundación de Axuda contra a Drogadicción e, posteriormente, tivo como destinatarios a Fundación Casa del Actor, o colectivo Drag Magic, a asociación Cinema Rescat, o Museu del Cinema-Colleccio Tomás Mallol, a librería 8 y Medio, Joseph Maixechs, o Instituto Valenciano de Cinematografía Ricardo Muñoz Suay, o Festival de Nantes, o Festival Solidario de Cine Español de Cáceres, a Filmoteca do Ministerio de Asuntos Exteriores e ao Festival de Cine Español na India.
 

  • whatsapp