Xunta de Galicia

O secretario xeral técnico da Consellería do Mar, Francisco Vidal-Pardo, respondeu a distintas preguntas na comisión 8ª de pesca e marisqueo

Vidal-Pardo ratifica que a reformulación do contrato dos helicópteros de gardacostas garante a protección do litoral galego as 24 horas do día os 365 días ano

O secretario xeral indicou que con esta reformulación, que poderá supór un aforro de arredor de 2,7 millóns de euros anuais, optimízanse os custos acadando máis operatividade e eficacia neste servizo

A nova fórmula contractual posibilita maior concorrencia competitiva para o desenvolvemento do servizo e permite actualizalo podendo optar a aeronaves máis avanzadas tecnoloxicamente

Respecto das axudas ás mariscadoras para a cotización, o secretario xeral, indicou que revisados todos os expedientes, “é imposible concluír que haxa ningunha mariscadora que quede sen ningún tipo de ingreso propio ou dentro da unidade familiar”

Santiago, 22 de xuño de 2011.- A reformulación do contrato dos helicópteros do servizo de Gardacostas garante a protección do litoral galego as 24 horas do día os 365 días ano co mesmo número de profesionais de salvamento. Así o explicou esta mañá no Parlamento o secretario xeral técnico da Consellería do Mar, Francisco Vidal-Pardo, quen insistiu en que o novo contrato “non merma nin degrada” o servizo aéreo e de rescate da Xunta e que se continuará desenvolvendo “nas mesmas condicións e termos” que ata o de agora. Vidal-Pardo defendeu a reformulación do contrato xa que suporá un aforro aproximado de arredor de 2,7 millóns de euros anuais optimizando os custos e acadando máis operatividade e eficacia neste servizo.

O secretario xeral técnico incidiu en que a nova fórmula contractual posibilita maior concorrencia competitiva para o desenvolvemento do servizo e permite actualizalo podendo optar a aeronaves máis avanzadas tecnoloxicamente. “Isto coas máquinas en propiedade sería imposible”, incidiu Vidal-Pardo. Neste sentido, subliñou que a Xunta non quere ofrecer un servizo “de condicións obsoletas”, senón unha mellora no destino dos cartos públicos que redunde nun beneficio para os cidadáns, argumentou.

O secretario xeral lembrou que o novo contrato será mixto de servizo e venda coa empresa adxudicataria e consistirá na prestación do servizo de operatividade e mantemento das dúas aeronaves -Pesca I e Pesca II- coa obriga, por parte da empresa que resulte adxudicataria, non só de utilizar os helicópteros, senón de adquirilos con pago diferido ao longo da duración do contrato, que será de 5 anos. Respecto da peritaxe para a adquisición dos helicópteros por parte da empresa que resulte adxudicataria, Vidal-Pardo sentenciou que foi realizada de xeito “imparcial e independente” e que para o novo prego de licitación se estimou un prezo de 13,6 millóns de euros.

Por outra banda, Francisco Vidal-Pardo criticou a intervención contradictoria da oposición, que en febreiro deste ano dixo no Parlamento que a compra dos helicópteros no 2005 se realizara de xeito electoralista e agora defende esa compra. Contrastou esta crítica valorando a descoordinación do goberno bipartito ao respecto do servizo de Salvamento Marítimo, xa que segundo recalcou, por unha banda a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos apostaba por espallar o servizo con varias bases de rescate no litoral galego, mentres que, a Consellería de Industria solicitaba un informe a unha compañía para a valoración de instalación dunha base permanente de helicópteros de busca e rescate, loita contra incendios, evacuación e emerxencias médicas, control e vixilancia aduaneira e control e vixilancia de estradas. Este informe concluía que a base debería estar situada en Allariz, unha localización inaxeitada para o servizo, criticou Vidal-Pardo.

Axudas para a cotización das mariscadoras
Respecto das axudas das mariscadoras e mariscadores de a pé para a cotización Francisco Vidal-Pardo insistiu en que a Consellería do Mar revisou todos os expedientes caso por caso para comprobar se había algunha mariscadora xubilada que, sen ter acadado o período mínimo de cotización, puidese quedar desprotexida. Tras efectuar as comprobacións pertinentes, asegurou que “é imposible concluír que haxa ningunha mariscadora que quede sen ningún tipo de ingreso propio ou dentro da unidade familiar”, dixo.

Neste sentido, o secretario xeral explicou que toda aquela mariscadora xubilada sen dereito a pensión que poida demostrar que as súas circunstancias económicas vitais non son favorables, ten garantida por lei unha pensión non contributiva de 405 euros mensuais. As que non poden garantir este requisito, a lei entende que non están nunha situación económica complicada ao disporen ou ben de ingresos propios ou ben dentro da unidade familiar.

Ademais, Francisco Vidal-Pardo recalcou que, tal e como sostivo dende un principio, a Consellería do Mar seguirá afrontando o pago do recibo da Seguridade Social de 350 euros mensuais e informou sobre o estado dos pagamentos. Así, indicou que os pagos dos meses de xaneiro e febreiro están totalmente realizados e que supuxeron un total de 101.699,94 euros. Ademais, dixo que a tramitación dos pagamentos do mes de marzo “está rematada e enviada a Tesouro” e respecto dos meses de abril e maio, a Consellería do Mar aínda está a recibir agora os xustificantes de pagamento.

O que non vai seguir aboando a Consellería, insistiu o Secretario Xeral Técnico, é a paga extra de 557 euros ao mes, porque “é unha medida discriminatoria en comparación con outros sectores, especialmente tendo en conta o actual momento de crise que atravesamos”. Neste sentido destacou que se aos 350 euros mensuais para o pago do recibo da Seguridade Social se lle suma a paga extra de 550 euros, o importe que cobraban as mariscadoras era “case un 40% superior á renda media das mariscadoras a pé de Galicia”, é dicir, 10.800 euros anuais fronte aos 7.000 euros de media das mariscadoras en activo, o que sería totalmente inxusto, tendo en conta que “o noso deber é investir os cartos de todos os galegos en proxectos que xeren traballo e desenvolvemento en prol do conxunto do sector pesqueiro marisqueiro e acuícola”, puntualizou.
 

Tema: Pesca
Departamento: C. do Medio Rural
  • whatsapp